Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

miércoles, diciembre 07, 2011

Rompiu a baralla



Estaba cantado e sucedeu. Finalmente o tradicional “consenso” dos catro grupos políticos municipais na revisión do PXOM rachou. Os interminables retrasos na súa elaboración, e o que por exemplo TeGa considera falta de diálogo coa oposición, remataron por colmar a paciencia de populares, centristas e aparentemente tamén socialistas, que veñen de poñer en evidencia que precisamente ese “consenso” era unha palabra que todo o mundo pronunciaba pero que había moito tempo que non se practicaba. E a situación de minoría do goberno de Evencio, forzado a atopar apoios nos demais grupos, evidenciou que, cando non se teñen os votos precisos para impoñer un criterio, o presunto diálogo non é tal.

Curiosamente isto sucede cando xustamente o goberno local di que por fin completou a documentación que lle requería a Xunta e remitiu de novo o Plan, esta vez supostamente correxido e enteiro (poñamos todas as reservas precisas, porque fartos estamos de ver como nos contan milongas). Por suposto á maquinaria de ¿información? local faltoulle tempo para colocar a lupa e o cronómetro sobre a Xunta: “El Concello de Carballo completa el expediente del Plan General; Empiezan a contar los dos meses de plazo para el informe de la Xunta”. Un cronómetro que curiosamente adoita estar averiado para cando se trata de fiscalizar ó amigo Evencio. Pero con todo, compre lembrar unha vez máis que estamos no principio do principio dun proceso que inexplicablemente leva 7 anos no seu prólogo, que aínda está por ver a adecuación deste Plan ós actuais criterios de ordenación, e que a sentencia que pode deixar a Carballo sen Plan de Ordenación ameaza con chegar coma un envelenado regalo de Nadal. Neste contexto, carecer de consenso, non saberiamos dicir se é un agravante, un insalvable, ou se simplemente xa tanto ten.


Etiquetas:

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner