Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, marzo 02, 2012

Desentrañando a contabilidade creativa


Casualidades do destino, hoxe fai xustamente un ano falabamos da contabilidade creativa coa que o Concello de Carballo semellaba xestionar as súas contas. En concreto referiámonos ás moitas empresas que tiñan facturas sen pagar, aspecto que sempre negaba o goberno municipal. E hoxe precisamente a prensa destaca como noticia que o executivo de don Evencio anuncia que vai pagar todas as súas débedas do ano 2011 antes do 15 de marzo. Coincide ademais no tempo todo isto co novo decreto-lei que ven de aprobar o goberno central para que os concellos poidan satisfacer a súa débeda cos proveedores mediante un sistema de financiación que involucra ós bancos. Sen embargo, informa tamén o BOE, Carballo non se vai acoller a este sistema.

O certo é que pouco a pouco os legos en materia económica imos adquirindo uns datos e unha linguaxe que antes, afortunadamente, ignorábamos por completo e cos que agora (á forza aforcan) non nos queda outra que lidiar. Pero máis aló dos tecnicismos, nós non podemos evitar a nosa habitual fixación de ler entre liñas. Porque se ben as dúas noticias deberían de ser positivas, e suporían que dunha vez por todas moitas empresas que están asfixadas polas propias administracións van por fin cobrar o que se lles debe, hai aspectos que nos intrigan. Coma por exemplo que houbo que chegar ata este punto para que o propio alcalde recoñecese unha situación económica que ata o de agora negaba, admitindo que nos últimos anos o chamado “recoñecemento extraxudicial de créditos” se tíña saído de madre, cando antes dicía que estaba dentro do normal. Ou que Carballo non se acolla ó sistema do decreto-lei de ámbito nacional, cando en principio debería de serlle favorable; se cadra porque a letra pequena di que para iso o Concello debería de preparar un plan de axuste e sometelo a aprobación. Ou sobre todo, a proba do algodón, porque o BOE pon de novo todo o seu interese en defender a xestión excelente do señor Ferrero… excusatio non petita…

Por iso, porque se nos estiveron engañando ata o de agora, tamén poderían seguir facéndoo, nós seguiremos coa mosca detrás da orella. Agardemos que para o día 15 deste mes todos os proveedores cobren as súas débedas de verdade, e non haxa trucos de contabilidade creativa… nin erros informáticos, que últimamente abundan moito na casa consistorial.

Etiquetas: , ,

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner