Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

jueves, junio 14, 2012

A verdade, con sacacorchos



A mala noticia da non concesión de bandeira azul á Praia de Razo por segundo ano consecutivo pon outra vez de manifesto o flagrante oscurantismo e ocultación da realidade (lembremos a nosa serie “detrás das vallas”) que impera na capital de Bergantiños. Moitos non podemos evitar sentirnos coma Keanu Reeves en Matrix cada vez que collemos un xornal local (e fai tempo que o Diario segue fiemente os pasos do Catecismo), escoitamos a súa versión radiofónica ou sentimos as manifestacións dos nosos gobernantes. E así, Carballo é un lugar seguro aínda que os roubos acaezan case todos os días con total impunidade, ou as nosas rúas vivan altercados propios dun cuadrilátero de loita libre. E así, todo funciona de marabilla, e se non o fai en todo caso é por culpa de axentes externos, que aquí somos sempre “excelentes”.

Sen embargo, cada certo tempo, a merda asoma por enriba das vallas e non queda máis remedio que sair ó paso. Esto ven de suceder coa indignación da contaminación do principal areal carballés. Tanto se ten falado e criticado na rúa as nulas explicacións do goberno, que finalmente o alcalde tivo que contar, cando menos, unha parte da verdade. Resulta que non é certo que a calidade da auga de Razo sexa tan boa coma a de Baldaio ou a de outros lugares (como xa todos sospeitabamos). Resulta que non é certo que Razo conte cun saneamento que funcione correctamente (como xa todos sabíamos). E resulta que na nosa costa segue a haber unha boa chea de edificacións ilegais (como todos coñecemos) que non se poden conectar á rede de saneamento, e que verten directamente as súas augas residuais ó mar. E así, ten que ser un feito colateral o que poña enriba da mesa unha realidade que ningún goberno local foi quen de atallar, e que tira por terra a impoluta imaxe de legalidade urbanística que Evencio Ferrero tenta impoñer. Porque señores, se hai vivendas ilegais que ademais contaminan a praia, actúese contra elas. E se non se teñen bemoles de actuar, ou o estudio de mercado indica que se perden máis votos actuando que perdendo a bandeira azul, dígase. Porque ó final, aínda que tarde e con sacacorchos, a verdade acaba revelándose.


Etiquetas: ,

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner