Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

jueves, julio 12, 2012

Relevo esperado para Viña




Xa especularamos con esta nova pouco antes das eleccións, e ven de confirmarse. José Antonio Viña xa ten sucesora á fronte do PSOE de Carballo. María Torres, líder das Xuventudes Socialistas de Galicia, ocupará o cargo de Secretaria Xeral da agrupación socialista local, onde por outra parte continúa a maior parte do equipo anterior. Por tanto, se se trata dunha revolución, será en todo caso ordeada e dende dentro.

¿Estamos a falar dunha simple cuestión de organización interna do partido, ou dun cambio de líder para o futuro? Viña seguirá a ser o único concelleiro do PSOE no salón de plenos, e tamén seguirá a formar parte da executiva socialista. Pero non parece lóxico que, tras unha década de malos resultados electorais, poida ser de novo candidato. Pola contra, Torres constitúe un relevo xeracional evidente, e semella disposta a dar o paso de ocupar un liderazgo que tradicionalmente foi rexeitado por moitos ilustres militantes. Cómo ou en qué medida María Torres vai ir desprazando o protagonismo de José Antonio Viña, será algo interesante de ver para coñecer a valía da nova líder e entrever o futuro dos socialistas da capital de Bergantiños.

Etiquetas: , ,

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner