Non teñamos medo a opinar
Publicamos a seguinte colaboración que nos envía o noso lector Acerbaturix, que debido á súa extensión nos vimos obligados a recortar un pouco (pedimos disculpas a Acerbaturix). Di así:
Encol do debate sobre a convocatoria dunha consulta popular sobre o asunto da Praza do Concello, dos comentarios dalgún lector parece que existen dúbidas sobre a posibilidade de que o Concello poida convocar esa consulta.
Partimos de varios datos:
- Na proposta do PP non se fala de referéndum, senón de “consulta popular”.
- “Consulta popular” pode entenderse en varios sentidos: como a convocatoria dun auténtico referéndum; como unha simple enquisa; como a elaboración dun estudo de opinión, etc..
…, caben perfectamente estas posibilidades “menores” (enquisa, estudo de opinión…). O exemplo témolo en que, actualmente, o Concello está realizando unha enquisa entre os comerciantes para coñecer o estado e as necesidades do sector por boca dos propios interesados. ¿Por qué non había de ser posible que se fixera o mesmo, entre tódolos veciños, co asunto do parking-centro comercial? Bastaría con enviar un cuestionario a tódolos veciños de Carballo, e nun par de semanas -como moito- o Concello sabería o que opinamos.
É unha posibilidade que contempla expresamente a Lei de Modernización do Goberno Local, que engade o artigo 70 bis.3 da Lei de Bases de Réxime Local: “Asimismo, las entidades locales y, especialmente, los municipios, deberán impulsar la utilización interactiva de las tecnologías de la información y la comunicación para facilitar la participación y la comunicación con los vecinos, para la presentación de documentos y para la realización de trámites administrativos, de encuestas y, en su caso, de consultas ciudadanas.” (Se eso é posible utilizando esas “tecnologías de la información y la comunicación”, é evidente que tamén o é utilizando os medios tradicionais, por exemplo o correo postal, etc., xa que a maioría dos veciños non teñen acceso ás modernas tecnoloxías]).
Pero non cabe dúbida de que o sistema que ofrece máis garantías é o referéndum propiamente dito. Canto á viabilidade deste, esa posibilidade está contemplada fundamentalmente en dúas normas legais:
- na Lei Orgánica 2/1980, que regula aspectos como a campaña de propaganda, o desenvolvemento da votación, o escrutinio, etc.;
- e na Lei de Administración Local de Galicia, cuio artigo 257.1 atribúe a competencia ós Alcaldes, previo acordo do Pleno: “Os Alcaldes, previo acordo do Pleno, por maioría absoluta, poderán someter a consulta popular os asuntos da competencia propia municipal e de carácter local que sexan de especial importancia para os intereses dos veciños, salvo os relativos ás facendas locais.” Ese acordo tería que ser remitido á Xunta de Galicia, e esta á súa vez remitiríao ó Goberno do Estado, que sería o encargado de autorizar a consulta.
- ¿É un asunto de competencia municipal? Si.
- ¿Ten carácter local? Si.
- ¿É de especial importancia? Si.
Entón, ¿cal é o problema para convocar unha consulta popular por vía de referéndum? Ningún. Basta con querer facelo.
Non lle teñamos medo a que a xente opine. Trátase de facer o mellor para todos pensando no futuro. Non nos poñamos nós os límites. Sexa enquisa, sexa referéndum, ¿qué problema hai para non facelo? Se o goberno municipal está tan seguro de que o seu proxecto coincide co que a xente quere, non ten nada que perder, e se os cidadáns o aproban terá toda a lexitimidade para levalo a cabo. Ninguén podería obxectar nada no futuro. Claro que, o problema é que, se cadra, esa coincidencia non é tal e os cidadáns queren outra cousa…
1 Comments:
Non hai medo a opinar. Hai medo a que non saia o resultado que quere o goberno, e sobre todo medo a que haxa un debate aberto e se coñezan os detalles.
26/12/05 21:33
Publicar un comentario
<< Home