Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

domingo, marzo 30, 2008

Detrás das vallas: o Plano Xeral


Outro asunto tan importante para Carballo coma inexplicablemente ausente do debate: a reforma do Plano Xeral de Urbanismo. Non sabemos por que, pero todo canto afecta a este fundamental documento urbanístico semella condeado ó retraso máis inexplicable.

A elaboración e aprobación do primeiro Plano Xeral do noso concello por parte do anterior goberno popular foi o máis semellante á obra do Escorial administrativa. Tras 10 anos de traballos, sucesivos calendarios incumpridos, e cese do concelleiro responsable incluido, o documento foi finalmente aprobado por unanimidade no ano 2003. Sen embargo, unha sentenza xudicial emitida a comezos do 2007 obriga ó Concello a aprobar un novo plan se non queremos quedar nunha indensión xurídica que perxudicaría gravisimamente a todos os carballeses. De feito, o proceso de revisión comezou hai case 5 anos moito antes de coñecerse a súa necesidade legal, aínda que non por previsión nin clarividencia, senón polo empeño persoal de Manuel Andrade en cambiar un documento co que dicía non estar para nada de acordo.

Se botamos unha ollada ó presente atopamos que tanto o pasado tripartido coma o actual bipartito semellan empeñados en facerlle a competencia e mesmo gañarlle ó anterior goberno do PP en retrasos inxustificados. Se o equipo de Varela botou 10 anos para crear e aprobar o Plan Xeral, o equipo de Ferrero leva 5 anos no que aínda non foi quen de presentar un borrador dunha simple revisión do mesmo plan. E non estamos a contar os anos que se precisarán máis adiante para a romería de exposicións públicas, alegacións, contestacións ás alegacións, informes, etc, ata a aprobación definitiva do documento.

Por sorte neste caso hai quen semella interesado en mostrar o que hai detrás vallas, e esta semana Alberto Sueiro saía á palestra en Punto Radio (grabación colgada por A Nosa Costa) para reclamar ó goberno local máis dilixencia na revisión do Plan. Dende logo, aquí non hai xestión excelente ningunha.



Etiquetas:

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner