Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

martes, abril 01, 2008

Poboados de transición?


Andan revoleas as augas estes días tanto pola capital do norte de Galicia coma polo capital do sur, e non polas copiosas choivas que viñeron a aliviar a ameaza de seca, senón por motivos máis complexos nos que desgraciadamente en Carballo temos boa experiencia.

O hipotético, ou máis tentado e frustrado realoxo dos colectivos marxinais de Penamoa (A Coruña) e do Vao (Vigo), levantaron en armas ós que serían novos veciños das familias xitanas, creando esceas de tensión hai pouco tempo impensables, e convertindo o problema do racismo, a integración e as relacións con esta clase de comunidades, no primeiro asunto de debate na nosa terra.

Moito se ten dito, escoitado e manifestado sobre a problemática, máis poucas solucións concretas se teñen aportado, e máis ben estamos a asistir a un lamentable espectáculo onde as administacións públicas e políticos responsables pasan a pelota duns ós outros sen querer mollarse nun tema tan peliagudo. Non obstante, si que ten aparecido un político que ten colocado unha proposta enriba da mesa. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, suxería crear uns “poboados de transición”, vixiados pola policía, nos que estas persoas pasarían unha tempada como intermedio entre as súas chabolas actuais e as futuras vivendas de realoxo. Trátase dunha iniciativa que aínda non foi ben definida nin clarificada: cómo serían as vivendas do poboado de transición? De ónde sairían os policías precisos? Cómo reaccionarían os xitanos? Estamos a falar dun gueto? En todo caso, semella que, se cadra porque é unha forma de sair do embrollo, na Coruña van apostar pola idea do nacionalista.

E velaí temos o noso debate. Nunha vila coma a nosa, onde o problema dos asentamentos de colectivos marxinais é crónico, o escándalo dos supermercados da droga tan grande ou máis ca en Penamoa, e ademais o BNG ostenta tanto a alcaldía coma a concellería de Servizos Sociais… vaise aplicar o modelo dos “poboados de transición” de Quintana? Sería factible? Qué pensades vós?



 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner