Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

martes, julio 08, 2008

Boas ideas


Aínda que o sentido de ser do noso blog é fundamentalmente o de servir como ese espazo para a denuncia e a crítica que non existe nos medios convencionais, tamén nos gusta recoñecer e aplaudir as boas ideas que de cando en vez (moito menos do desexable) teñen os nosos gobernantes.

Este é o caso da nova que hoxe podemos ler na prensa local. O Concello vai sustituir o sistema enerxético da piscina do Bergantiños, cambiándoo do gas propano actual a placas solares. Unha forma intelixente de aforrar consumo, cartos ó contribuínte (agardemos que se note dalgún xeito) e adoptar ademais unha fonte de enerxía renovable e non contaminante. O montante total do proxecto semella que vai ascender a uns 142.000 €, unha cantidade asumible se o aforro o compensa. Así pois, felicidades ós autores da iniciativa e oxalá que ideas coma esta se convirtan en habituais e non en excepcionais.

Noutra orde de cousas contámoslles que hai expectación en torno á reunión que os concesionarios do mercado de abastos van manter co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero a iniciativa deste. Tal e como xa anunciaramos, o goberno pretende coñecer "ata qué punto están dispostos a implicarse" os placeiros na reforma do mercado. Falando claro, cántos cartos están dispostos a poñer do seu peto, toda vez que o coste do proxecto se ten disparado en máis dun 50% con respecto ás previsións orixinais do executivo, e as administracións públicas non están pola labor de meter tantos cartos. Veremos se a culpa finalmente é do adestrador ou dos xogadores.



Etiquetas:

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner