Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

jueves, junio 26, 2008

Ideas inmateriais


Todas as ideas o son, pero esta é especialemte boa e especialmente inmaterial. Trátase da proposta que días atrás facía o director de Xacarandaina, Henrique Peón, de crear un museo que recollera o riquísimo patrimonio folclórico de Bergantiños e da Costa da Morte, reflectido en bailes, cancións, regueifas, vestiario, etc. A novidade estriba en que non se trataría dun típico museo de fortes muros e pezas de arte colgadas das paredes ou ergueitas sobre dun pedestal, senón nun recinto que permitise contidos audiovisuais, como xa sucede en centros modernos dalgunhas cidades.

Curiosamente neste punto a idea de Peón coincide con outra de Xan Fraga que xa aplaudiramos no noso blog, e que tristemente non obtivo o eco preciso. Desta volta as cousas cambiaron, porque o alcalde de Carballo Evencio Ferrero, que sempre destaca por ser o primeiro en apuntarse a un bombardeo, xa lle tomou a palabra e mantén non só que lle parece unha idea factible, senón que xa se lle ocorrera a el antes.

Outros especialistas en historia e patrimonio, coma o propio Fraga ou Raúl Galego, fan hoxe un chamamento a que se estudie ben a proposta e se realice un traballo de investigación serio. Pola nosa banda, felicitamos a Peón pola súa iniciativa e agardamos que esta idea, claramente inmaterial, non resulte ser tan inmaterial coma a longa lista de parques, hospitais, cidades deportivas, e toda sorte de grandes proxectos e grandes ideas que endexamais chegaron a ser vistos por ninguén. Da nosa colleita deixamos unha pequena proposta: ¿qué tal utilizar o museo de Bergantiños, tan desaproveitado nos últimos tempos, para albergar este museo virtual do patrimonio? Certamente, non semella que se precisa unha grande superficie para este fin, e a súa ubicación é única. Pénseno.


Etiquetas:

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner