Desesperados
As noticias son dramáticas. Hoxe a prensa local reproduce os datos do Colexio de Arquitectos e pon números á realidade que se vive nas nosas comarcas e na capital de Bergantiños en particular: un 82,6 %. Ese foi o descenso do número de vivendas visadas no 2009 con respecto ó 2008. Eran aqueles anos de festa cando Carballo semellaba un bosque de grúas e os nosos gobernantes sacaban peito, fachendosos de que na nosa vila se construía moito porque “ía ben”, porque era “un bo lugar para vivir”, grazas á súa xestión excelente. Seguindo co siloxismo, teríamos que deducir que agora Carballo vai fatal, que é un mal lugar para vivir, e que a súa xestión é desastrosa, ¿non si?
Todo isto non pasarían de ser reproches dialécticos se non fora porque a outra cara da moeda se sirve en número de parados. Uns parados que no noso concello acadan a segunda taxa de paro máis alta da provincia segundo os últimos datos dos que dispoñíamos, porque os datos a tempo real non os temos, pero non apuntan ben. E claro que todo isto non sería tan grave se a nosa economía se tivese diversificado a outros sectores menos volátiles, pero, coma noutros lugares, nada diso se fixo.
E como neste mundo globalizado todo está relacionado, a Voz de Carballo déixanos hoxe un deses testimonios reais que paga a pena ler detidamente. Trátase da entrevista ó propietario de Decoraciones J. Bello S.L., a empresa carballesa adxudicataria da reforma do mercado de abastos. Este profesional, alleo ás polémicas sobre a conveniencia da obra, relata a desesperación absoluta na que viven tantos pequenos e medianos empresarios coma el, abocados á ruina e ó paro, e confesa que esta obra é para eles un clavo ardendo que lles permite sobrevivir durante un ano e salvar un peche que semellaba seguro. Pero que ninguén se preocupe, que os gobernantes da nación xa teñen decidido cómo axudarnos: polo de agora sabemos que ós funcionarios non lles van tocar un peso, que todo se vai consensuar cos sindicatos, e que nos van subir a todos os impostos. Desesperación.
Etiquetas: economía, Ladrillos construcción, mercado
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home