Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, febrero 19, 2010

Velas ó vento




Pero non velas dos barcos, senón velas de rezar, coma aquelas das que fala Elton John na súa famosa canción cando lle di a Marilyn Monroe que vivira a súa vida coma unha vela exposta ó vento. Como as que lle imos ter que poñer os carballeses a algunha das virxes que poblan a nosa comarca se queremos librarnos do parque eólico que Galenova pretende construir entre as parroquias de Vilela e Lemaio (Pedrarrubia).

A nova saltara xa hai case unha semana e durante estes días se teñen producido as reaccións. A novidade reside en que a Consellería de Industria ven de autorizar a instalación do parque eólico, aínda que esta non é a batalla definitiva da longa guerra administrativa que tanto os veciños coma todos os grupos políticos locais libran contra uns muiños de vento que, segundo a opinión maioritaria, non só terían un impacto visual senón que, pola extensión ocupada e a súa disposición, arruinarían o valor de moitas parcelas.

En efecto a loita comezou aló por marzo do 2007 e dende entón xa se teñen librado varias confrontacións con pouca sorte para a causa carballesa (ver hemeroteca). De feito, tanto Viña coma Sueiro (Ferrero semella non ter parte no asunto), coinciden en que a recente autorización era previsible (porque se cumpría os requisitos non se podía denegar) e que a verdadeira derrota se produxo en xaneiro de 2009 cando se ditou a declaración de impacto ambiental positiva (se cadra por iso o alcalde prefire non falar). E aínda que todos están de acordo en que quedan batallas por librar e que a guerra non está perdida, tamén coinciden en que a marxe de actuación é escasa e confían en que realmente a empresa non teñan intención real de desenvolver o proxecto, senón simplemente se trata dun artificio burocrático para acceder ó rexistro do Ministerio de Industria. Outros agardan que a dimensión do parque eólico sexa menor da proxectada inicialmente cos 13 aeroxeneradores. Triste perspectiva.


Hemeroteca:

http://carballodixital.blogspot.com/2009/01/pedrarrubia-da-un-paso-adiante-mis.html

http://carballodixital.blogspot.com/2008/02/o-perigo-est-soplando-no-vento.html

http://carballodixital.blogspot.com/2007/03/muos-de-vento-en-carballo.html





Etiquetas:

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner