Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

martes, marzo 30, 2010

Semana Santa Laica


Malas perspectivas para estes días festivos. O mal tempo e a crise económica non favorecen nin as saídas da casa nin os gastos da meirande parte dos cidadáns. E aínda que son cada vez máis os carballeses que traballan para sacar adiante as procesións da Semana Santa na capital de Bergantiños, e abofé que cada ano se superan, este ano os elementos non se aliaron con eles.
E un ano máis, nunha sorprendente “alternativa” (moitos chamaríano competencia) ás celebracións relixiosas, o goberno local, en colaboración coa asociación de uruguaios El Ceibo, aposta por un festival “multicultural” chamado Panxea, a desenvolver dos días 1 a 11 de abril nunha carpa habilitada no parque do San Martiño, polo que supoñemos que a choiva lles afectará menos. Como non podía ser doutro xeito os actos abriranse en Xoves Santo, aínda que se prolongarán ata a fin de semana seguinte, de maneira que haberá que recoñecer ós organizadores o detalle de non programala de domingo de Ramos a domingo de Resurrección. O festival terá unha dobre vertente gastronómica e cultural, incluindo chocolatadas populares e os concertos de Falsa Escuadra, Fol de Veneno, Killer Cats, Lowcos e Cantareiras Malante. As novidades son a celebración dunha “Oktoberfest” (a festa da cervexa de Alemania) cos platos típicos correspondentes, e un atractivísimo ciclo de cine africano a proxectar no Pazo da Cultura, que todos devecemos por ver.

Pola nosa banda temos sentimentos encontrados. Por unha parte é unha boa idea a de organizar intercambios gastronómicos con outros países, aínda que en tempos coma os que corren non semella normal que se gasten cartos públicos neste tipo de festas. Se por riba a comida é de balde, a cuberto, e vai regada con cervexa, o cheo debería de estar asegurado. Pero por outra parte seguimos sen entender (e van dous anos), que un alcalde e o seu goberno non atopen en todo o ano datas dispoñibles máis axeitadas para celebrar algo así, e seguimos tendo a sensación de que algunha mente pensante desas que habitan o Concello de Carballo segue obsesionada coas crenzas relixiosas, e quere competir con elas a base dunha Semana Santa Laica… e a base de cervexa e comida.



Etiquetas: ,

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner