Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

martes, marzo 16, 2010

Nós tamén queremos galego


Unhas cen persoas de toda a comarca de Bergantiños e Costa da Morte se deron cita onte na praza do Concello de Carballo para protestar contra o decreto do plurilingüismo no ensino que pretente aprobar o goberno da Xunta, un decreto que deroga o anterior modelo de inmersión lingüística en galego para establecer un modelo de equilibrio entre galego e castelán coa previsión da introducción paulatina do inglés.

Diversos grupos, todos eles de marcado carácter nacionalista, xuntáronse para criticar o que consideran “o ataque máis grave [ó galego] en toda a historia da autonomía”. Os manifestantes reclamaron o dereito a "vivir" na súa lingua propia, fixeron un chamamento á “insubmisión”, a seguir falando galego mesmo nas asignaturas que non se impartan nesa lingua, e afirmaron que se trata dun decreto feito “de costas á sociedade galega”.

Claro que se cadra “Queremos galego” debía facer tamén un pouco de autocrítica e analizar por qué nun acto de ámbito comarcal, no que participou ata xente de Cee, coma Artur Trillo, non foron quen de reunir máis dun centenar de persoas (nas fotos parecen menos). E se cadra tamén deberían de analizar o rigor dos seus argumentos, porque ninguén lle está a prohibir a ninguén falar nin "vivir" na lingua que lle pete, porque falar ou escribir en galego nas asignaturas impartidas en castelán non será ningún acto de insubmisión, senón un acto de liberdade que o novo decreto permite expresamente (a diferencia do anterior decreto que prohibía ós alumnos expresarse en castelán), e porque o novo decreto nace dunhas eleccións gañadas por maioría absoluta por un partido político que levaba estas propostas no seu programa, e logo dunha enquisa realizada ós pais que ofreceu resultados similares e por outra parte agardados. Se cadra a obsesión (ou a necesidade) dalgúns fai que sexan eles os que estean de costas á sociedade galega, e aínda non se deron conta. Porque nós, coma todos, tamén queremos galego, pero en liberdade e sen radicalismos.




Etiquetas:

1 Comments:

Blogger Unknown said...

É o eterno problema de Galiza, a comunicación, non todos poden moverse libremente e dependen do transporte público ou de amigos e familiares. Aínda así hai moitas máis dificultades detrás, o feito de ter poucos medios afíns axuda a que sexa o boca a boca o noso medio máis utilizado.

Sobre o da insubmisión, supoño que falarán dos profesores que teñen a obriga de dár a materia en castelán, está claro que a insubmisión non será para os estudantes porque eles poderán escoller, trátase máis que nada dos obrigados a utilizar o castelán, hai que ser moi simple para pensar que se refire só ao alumnado. Animan aos estudantes a usar o galego e aos profesores a facer un acto de insubmisión. Sobre o tema da obriga de utilizar o galego no anterior decreto direi que a escola, como obxecto normalizador que é, ten o deber de normalizar. Non entendo unha clase de inglés sen que os nenos falen inglés e non entendo unha clase en galego sen que os nenos falen galego. Incluso eu en Lengua Castellana dába as leccións nun correctísimo castelán porque entendía que se tiña que facer así, e iso que só falo galego na Galiza.

Como saberás, a xente que vota a un partido non vota á totalidade do programa electoral, nese caso seguramente a abstención e os votos en branco serían do 100%. Se eu me considero nacionalista e de dereitas tería que priorizar entre ser nacionalista (votar ao BNG) ou ser de dereitas (votar ao PP), non sei se me explico. O feito de ter 700.000 votos non implica que esas 700.000 persoas estean a favor de todo o que fagas. Sobre a enquisa direi que non tivo ningún rigor e só había unha por familia, polo tanto se a nai quería castelán e o pai galego, tocaba decidir cal poñían, aínda así esa enquisa deberon recibila as persoas que teñan pensado ser pais nos próximos 4 anos, ou nos anos que se pense que vai estar este decreto, non só os pais actuais. O mellor de todo sería ler o futuro decreto e informarse de como vai ser, porque a palabra liberdade queda moi bonita, igual que a palabra democracia nas ditaduras, non sei se se me entende.

27/3/10 20:03

 

Publicar un comentario

<< Home

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner