Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, marzo 10, 2006

UGT anuncia medidas legais


Onte puidemos coñecer no Diario de Bergantiños as reaccións que se están a suceder ante a noticia de probable deslocalización de Conservas Calvo en Galicia. Como o Diario non conta con edición dixital, reproducimos para os interesados o contido fundamental da información.

O sindicato UGT ven de anunciar que tomará medidas legais para evitar o traslado de maquinaria e equipos de producción dende Galicia a El Salvador. O fundamento da denuncia basearase no feito de que Calvo ten recibido subvencións públicas da Xunta de Galicia, polo que consideran que non ten dereito a marchar coa máquinas adquiridas dese xeito a fóra do noso país. Hai que lembrar que o sindicato UGT é maioritario no comité de empresa con 6 representantes, por 2 de CCOO e 1 da CIG.

Na noticia explícase que o sindicato... cre que a deslocalización podería destruir 60 empregos da fábrica de Esteiro e uns 300 en toda Galicia, de feito dise que en Esteiro xa se teñen retirado as unidades de fabricación de ensaladas e envasado de atún en vidro. A movilización chega a tal punto que van tentar impedir a saída do porto de Vilagarcía dun barco que se sospeita que pode levar a maquinaria a Centroamérica, e que veciños de Esteiro teñen pensado empregar as campás da igrexa para avisar no caso de que se intente retirar máis material. Non obstante, UGT anunciou que non tomará medidas concretas ata falar a próxima semana cos representantes da empresa.

Na nova do Diario falábase tan só de Esteiro e non se mencionaba a Carballo, pero a ninguén escapa que as dúas principais fábricas de Calvo han ter probablemente un destino similar. Na anterior información que coñecemos, os representantes da empresa aseguraban o futuro de Esteiro, pero non falaban do de Carballo, de modo que a preocupación estendeuse como a pólvora pola capital de Bergantiños.

Agardamos que Calvo aclare canto antes as súas intencións, e que se poidan conservar os empregos da nosa vila, tan importantes para moitas das nosas familias.


 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner