Sé solidario: apadriña unha empresa
A Manuel Andrade hai veces que lle pasa como ós nenos e ós borrachos, e, non se sabe se voluntaria ou involuntariamente, enténdeselle todo. Porque non fai falta ser moi espabilado para entender á perfección o que lle dixo ós compañeiros de A Nosa Costa nesta noticia.
En primeiro lugar, que ten “dúbidas” acerca de Surtiser, e que de non ser correcta a documentación, pasarase a un procedemento negociado. Blanco e en botella.
E en segundo lugar, unha frase máis elocuente, invitando ó PP a que propoña “as empresas que queira” para participar nese procedemento negociado. É dicir, que o alcalde en funcións de Carballo entende que os procedementos de contratación pública son coma os bautizos, onde o que non ten padriño non se bautiza? E nós que criamos que a lei falaba duns principios de publicidade, obxectividade, transparencia, etc, tal que calquera empresa interesada poida participar en igualdade de condicións, e sen interferencia do poder político.
Ó final vai ser certo o dito de que quen non ten padriño non se casa. Mais non debería ser así. Pola nosa parte pensamos que sacar unha obra de 9 millóns de euros sen publicidade é un disparate. Pero no caso de facelo, cando menos habería que invitar antes que nada ás empresas que xa contan con aparcamentos subterráneos en Galicia (dende logo, non Surtiser), e que polo tanto, ademais de ter experiencia, deberían ser as capaces de presentar mellores ofertas.
Porque estamos no século XXI, e xa vai sendo hora de rematar coa política de padriños.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home