Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, julio 21, 2006

Dobre raseiro



O PP critica o “dobre raseiro da Xunta na protección das zonas incluídas na Rede Natura: mentres en Muxía prohíbe unha piscifactoria respectuosa co contorno, en Malpica destrúe unha área litoral de alto valor ecolóxico.”

Segundo os cálculos do PP, a Administración autonómica leva arrasado unha superficie de máis de 3.000 metros cadrados preto do porto de Malpica para extraer material de recheo destinado á construción da estrada Buño-Malpica.

A área que a Xunta utiliza como canteira está incluída na Rede Natura, está catalogada como Lugar de Interese Comunitario (LIC), Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e como zona de protección de Costas.

Segundo denunciaron hoxe os voceiros de Obras Públicas e Medio Ambiente do Grupo Popular, Carlos Negreira e Jaime Castiñeira,… a Xunta de Galicia está a extraer material de recheo no denominado Monte da Xareira, preto do núcleo de Malpica e a escasa distancia dun acantilado próximo a esta localidade da Costa da Morte.
O material extraído desta canteira improvisada é empregado pola Xunta para efectuar recheos nas obras de construción da nova estrada Buño-Malpica que se está a executar neste momento.

A canteira mesmo chegou a afectar ao trazado dunha ruta de sendeirismo habilitada polo Concello de Malpica para facilitar o contacto co contorno dos veciños e visitantes da localidade.


Os populares galegos recordan, neste sentido, que a Xunta de Galicia prohibiu a construción da piscifactoría proxectada en Cabo Touriñán (Muxía), que contaba con Declaración de Impacto Ambiental e contaba con todo tipo de medidas correctoras do impacto ambiental, argumentando que a súa ubicación estaba prevista nun lugar pertencente á Rede Natura 2000. Sen embargo, a Comisión Europea arquivou, no seu momento, unha denuncia formulada por unha organización ecoloxista, argumentando que se adoptaran as medidas de corrección ambiental axeitadas.


Os populares galegos tamén chaman a atención sobre outra contradición na que incorre a Xunta de Galicia: nun momento no que se empeña en defender un discurso de escrupuloso respecto ao medio ambiente e á normativa urbanística, promove unha canteira ilegal que non conta con permiso algún.

O Grupo Popular de Galicia presentará na Cámara autonómica unha iniciativa parlamentaria para esixir que a Xunta paralice inmediatamente esta agresión ambiental e adopte as medidas correctoras oportunas para subsanar todos os danos inflixidos nese tramo do litoral coruñés.

Do mesmo xeito, o concelleiro do Grupo Popular Municipal de Malpica, Manuel Balseiro, presente tamén na rolda de prensa, anunciou que instará ao Goberno local a que poña coto á situación. Acusou ao alcalde malpicán de irresponsable por consentir a irregularidade denunciada polos populares e non ter adoptado medida algunha ata o de agora.

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner