Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, agosto 25, 2006

A "feira" do libro

Onte deu comezo en Carballo a feira do libro do ano 2006. O certo é que este ano o Concello decidiu cambiarlle o nome polo de “A praza dos libros”, pero nós preferimos chamala polo seu nome de sempre. Os actos deron comezo co pregón a cargo do autor local Xurxo Borrazás, quen pola tarde asinou libros.

Conste que dende Carballo Dixital temos por máxima aplaudir e apoiar todos aqueles eventos que vaian a favor da cultura, e sobre toda da lectura, e como non podía ser doutro xeito, tamén aplaudimos esta “praza” dos libros. Mais, desgraciadamente, semella que os nosos gobernantes non opinan o mesmo, porque en lugar de traballar pola cultura parecen máis interesados en traballar polos seus intereses políticos.

O acto principal de onte foi a presentación dun libro, e contou cun convidado estelar. ¿Algún ilustre persoeiro da literatura? Pois non, o convidado era...

...Francisco Rodríguez, deputado e un dos históricos do BNG, de quen non temos noticia de que se teña adicado endexamais a escribir literatura. Pero, ¿viña a falar de literatura ou a falar de política? Pois resulta viña como convidado a falar dun libro que ¡nin tan sequera escribiu el! e que leva por título “A nazón existe. Conversas con Paco Rodríguez”. Sen comentarios.

O certo é que a feira conta con outras moitas actividades que paga a pena visitar (o programa esta dispoñible na web do Concello), mais a liña ideolóxica do evento é case tan monocolor como as tertulias dalgunhas radios. ¿Alguén pode dicirnos quén é Xurxo Souto para dar unha conferencia de literatura? ¿Qué ten estudiado, logrado ou publicado o personaxe en cuestión, ademais de ser un propagandista do nacionalismo? Por outra banda, alegrámonos da presenza de Manuel Rivas, aínda que advertimos a eventuais simpatizantes do PP que se acheguen con precaución, non sexa que acaben en comisaría acusados de prenderlle lume ó monte.

En resumo, señores, libros si, pero para todos. Porque se non o que temos é unha “feira”, si, pero no peor sentido da palabra.

P.D.: ¿alguén recorda que en Galicia tamén temos grandes escritores en castelán, ou que non son nacionalistas? ¿Para cando Luisa Castro, Alfredo Conde ou Susana Fortes? ¿Para cando homenaxes a Cela (premio Nobel), Torrente, Valle ou Valente? Ah, non. Para o ilustre literato Paco Rodríguez, Cela non pertencía á cultura galega.

3 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Francisco Rodríguez Sánchez, candidato do BNG pola Coruña
Ferrol, 1945.

Catedrático de Língua e Literatura. Doutor en Filoloxía Románica cunha tese sobre Rosalia de Castro titulada "Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro".

Autor dunha ampla obra de pescuda e ensaio en temas lingüísticos, literarios, culturais e políticos dende unha perspectiva nacionalista. Inaugura unha liña de análise sociolingüística coa publicación de "Conflito lingüístico e ideoloxia na Galiza" (1976).

A sua bibliografía literaria incorpora estudios moi clarificadores e documentados sobre os autores galegos Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Blanco Amor, Cabanillas, Castelao, Celso Emílio Ferreiro...

1973: A evolución ideolóxica de Curros Enríquez
1976: Conflito lingüístico e ideoloxía en Galicia
1978: Problemática nacional e colonialismo, o caso galego (con Ramón López-Suevos)
1988: Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro
1990: Literatura galega contemporánea. Problemas de método e interpretación
1993: Eduardo Blanco-Amor. O desacougo da nación negada

xa sei que non son as vosas lecturas preferidas peor éche o que hai, un abraziño para todos

25/8/06 16:56

 
Blogger Carballo Dixital said...

Moitas grazas pola información, pero o certo é que a maior parte xa a coñeciamos. Todos sabemos que Paco Rodríguez é profesor de filoloxía, de feito moitos aínda o lembramos dando clase no instituto Alfredo Brañas de Carballo.

Pero en ningún momento do artigo negamos esta circunstancia. A cuestión é que Rodríguez, pese a ser filólogo, endexamais escribiu obras literarias, non é escritor de profesión nin de afección (que se saiba), nin tampoco veu a Carballo a falar de literatura. Como se pode comprobar nos datos que vostede mesmo facilita, hai moito tempo que abandonou a activade filolóxica para adicarse en exclusiva á política. O Sr. Rodríguez veu a Carballo á presentación dun libro de tipo político, escrito por outra persoa para maior gloria súa, e metido con calzador nunha feira do libro no que non debería ter cabida. Se a iso sumamos que o partido político responsable de Cultura en Carballo é o seu propio partido, o resultado, cando menos, non é moi ético nin moi estético.

En todo caso, graziñas polo comentario.

25/8/06 17:34

 
Anonymous Anónimo said...

1973: A evolución ideolóxica de Curros Enríquez
1976: Conflito lingüístico e ideoloxía en Galicia
1978: Problemática nacional e colonialismo, o caso galego (con Ramón López-Suevos)
1988: Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro
1990: Literatura galega contemporánea. Problemas de método e interpretación
1993: Eduardo Blanco-Amor. O desacougo da nación negada

28/8/06 10:51

 

Publicar un comentario

<< Home

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner