Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

jueves, mayo 29, 2008

Catro facendo o sueco

Se en semanas anteriores o tráfico ou os aparcamentos ocuparon o centro do debate carballés, nesta ocasión volvemos a un polémico asunto que leva dando moito que falar nos últimos anos, e que vistas as escasas solucións volta coma o Guadiana unha e outra vez á primeira páxina.

Trátase dos diferentes problemas que afectan ó sector educativo, fundamentalmente na súa rama de primaria. Por unha parte están os recelos de moitos pais para matricular ó seus fillos no colexio San Luis Romero; por outra os problemas de moitas familias para atopar centro cercano á vivenda, ou mesmo para que irmáns non estean separados varios kilómetros de distancia; a isto engádese a clamorosa falta de prazas de comedor; e tamén está a debate a xornada continua e as dificultades para conciliar vida familiar e laboral.

Co gallo do último, a APA do colexio Fogar celebra hoxe unha reunión que precisa unha asistencia mínima de duos tercios para ser válida, e que debe decidir a adaptación ó horario europeo. Claro que as cousas complícanse porque os pais esixen, non sen razón, que esta medida debe ir acompañada de un aumento notorio nas prazas de comedor, nas actividades extraescolares e en definitiva na implicación da consellería de Educación na vida docente.

Esta maior implicación e o espírito reivindicativo fronte á Xunta repítese nas palabras de todos os axentes que interveñen na lista de problemas que xa describimos. Mais postos a buscar, coma sempre facemos, debaixo da superficie da noticia, a nós chámanos poderosamente a atención o clamoroso silencio dos políticos locais. Certo é que as competencias corresponden á administración autonómica, pero non menos certo é que debe ser o alcalde o primeiro en preocuparse polos problemas dos seus veciños, representalos e cando menos propoñer solucións. E se grave é a falla de liderazgo e participación do alcalde e do goberno neste asunto, máis grave aínda é a falla de iniciativa e de intervención da oposición. Nunha das maiores causas de preocupación de todos os carballeses, os seus catro partidos con representación máis inmediata optan por facer o sueco.

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner