Cita con Andie
Bill Murray vive atrapado no tempo. Un día si e outro tamén, os acontecementos repítense calcados un ó outro, porque todos son o mesmo día. Un día no que coñece e se namora de Andie McDowell. Mais a súa historia non pode ir a ningures, porque cando se erga pola mañá do día seguinte voltará ser un descoñecido para ela. Bill está desesperado e tenta suicidarse, pero non funciona. Non semella haber remedio para a maldición do día infinito, ata que por fin un día, sen saber ben cómo, consigue namorar a Andie. E coma nos contos de fadas, o feitizo desaparece, amanece un novo día diferente, e foron felices e comeron perdices.
Salvando as enormes distancias de circunstancias e protagonistas, mañá temos unha nova cita con Andie McDowell nesta interminable historia do eterno-retorno en que se ten convertido o culebrón do concurso do parking-centro comercial. Porque mañá (como ben recordaba un lector)…volve a reunirse a mesa de contratación para a adxudicación da concesión, co gallo de analizar a documentación a maiores aportada pola unión de empresas que presentou a única oferta, e verificar se é correcta. Se Andie se namora, esto é, se a documentación é correcta, pasaremos a un día diferente, abrirase o contido concreto do proxecto que se pretende levar a cabo, e saberemos se se confirman os perigosos presaxios dos que advertiu o PP, ou non.
En todo caso, e coa nosa afección a ler entre liñas, chamáronnos moito a atención as declaracións de onte de Manuel Andrade no Diario de Bergantiños, cando dicía que non tiña dúbidas sobre a solvencia das empresas, pero que sobre a oferta técnica e económica, “xa é outro cantar”. Lembremos que hai ben pouco afirmaba que esa oferta (teóricamente descoñecida para todos) era “excelente”. ¿Haberá máis golpes de efecto no guión desta novela?
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home