Revisionistas
Hai un xénero e un grupo de historiadores que se teñen dado en chamar “revisionistas”, por ofrecer unha visión da historia distinta da maioritariamente aceptada ata a data. A guerra civil española, a segunda guerra mundial, a idade media, a reconquista, a evanxelización de América, o exterminio xudeu, etc, teñen sido obxecto de revisión por parte deste polémicos estudiosos (ou charlatáns, que tamén hai) empeñados en reescribir a historia, en moitos casos con bases pseudocientíficas.
Mais en Carballo non iamos ser menos e tamén temos o noso revisionista. Hoxe Manuel Andrade destápase cunhas declaracións nas que reinterpreta a historia recente carballesa, e máis concretamente o contraste entre o goberno anterior ó ano 91 e o posterior. Di o tenente de alcalde que antes desas eleccións había na nosa vila multitude de obras en marcha, “coma o centro de saúde ou o parque do San Martiño”, e que ó chegar ó poder Manuel Varela o rumbo torciuse e en 12 anos o único edificio que se fixo en Carballo foi o Pazo da Cultura por parte dunha escola taller. Segundo Andrade, Varela “prometía moitas cousas” (sic), que logo non cumpriu (titular único dos que só el pode ofrecer).
Na súa revisión da historia o líder de Terra Galega tamén afirma que só os partidos independentes poden acadar cousas para os concellos, por estar libres de “intereses partidarios” (sic). O único que distingue a Manuel Andrade dos revisionistas históricos é que no seu caso é historiador e protagonista ó mesmo tempo, porque quen gobernou en Carballo dende a chegada da democracia ata o ano 91 é nin máis nin menos quen se presenta como candidato ás eleccións do 2007.
P.D.: Por certo, falando de prometer e non cumplir, unha pregunta de Trivial: ¿saberíades decir o nome dun político local -xubilado, para máis señas-, que sigue cobrando uns 50.000 euros/ano do Concello malia que prometiu que desde que se xubilara só cobraría a xubilación?
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home