¿Qué foi de... o banco de tempo?
Novo capítulo da nosa serie de lembranzas que hoxe nos ven ó pelo pola nova que lemos en anosacosta.es. O Concello de Santa Comba promove a creación dun banco de tempo. ¿Banco de tempo? ¿Non falaramos nós diso antes? En efecto, e ademais, nun guiño do destino, resulta que foi exactamente hai un ano, o 14 de novembro de 2007.
Como podedes ler se pinchades o enlace, hai xusto un ano que o Concello de Carballo anunciaba co seu habitual triunfalismo a orixinal iniciativa. E xa daquela nós, que como ben nos lembran algúns dos nosos lectores, somos uns amargados que desconfiamos e non compartimos o desbordante optimismo doutros, reflexionabamos acerca do realista ou utópico da idea.
"A idea é crear unha sinerxia que nos permita a todos axudarnos a conciliar vida persoal e laboral, ademais de permitir o acceso a servizos de todo tipo de persoas. Ata aquí todo moi bonito, mais a realidade é que estes bancos de tempo, que xa levan a súa andaina nas grandes cidades, non acaban de botar a rolar e de darse a coñecer. ¿Os motivos? Parecen sinxelos. ¿Quén deixaría os seus fillos ó coidado dun descoñecido, simplemente porque un funcionario di que é unha persoa válida? ¿Quén comería un guiso cociñado non se sabe por quén, non se sabe ónde e non se sabe cómo? E por último, ¿cómo se controla a devolución do tempo ó banco? ¿Vaise multar con cartos? ¿Vaise ir ó banco pola vía de apremio? Se ledes a wikipedia veredes que esta idea provén de grupos anarquistas. Se cadra por iso semella tan utópico. Ou se cadra nunha vila máis pequena, onde moita xente aínda se coñece, pode ter posibilidades. Habémolo ver."
Pois ben, un ano despois xa o temos visto. ¿Voltouse a falar nalgunha outra ocasión deste banco? ¿Coñecedes a alguén que o teña empregado ou se teña beneficiado? Coidamos que non. Un caso máis da longa lista de naves extraviadas no triángulo das Bermudas carballés. E pedimos desculpas por tanta autocita, pero xa sabes que na capital de Bergantiños estamos afeitos a vivir no eterno retorno. Por outra banda tamén nos chama poderosamente a atención coma estas e moitas outras cuestións similares desaparecen da actualidade local cunha peculiaridade engadida: que nin medios de comunicación nin oposición recorden o asunto. Ó igual que lle pasaba a Julianne Moore co seu fillo en Misteriosa Obsesión (The Forgotten), é coma se alguén tivese borrado todo rastro da súa existencia da memoria colectiva.
Etiquetas: Que foi de banco de tempo
1 Comments:
Quen fixo a Lei... fixo a trampa.
Aquí estou de novo, lonxe da miña terra pero sempre ó día da actualidade, así que, abundando na temática de CD (que foi de?), aí vai outra "hondonada" das de Manquiña:
U-los mecanismos de participación cidadá?
Hai cousa de 4 anos, bombardearon ós cidadáns deste concello cunha novidade marabillosa: por fin os carballeses poderían elixir, democraticamente, aos seus alcaldes de barrio, e poderían participar nos Plenos e presentar preguntas aos políticos, entre outras cousas (a hemeroteca de LVDG está a disposición para o efeto).
Entón, digo eu:
u-las elecións democráticas? O BNG afirmaba que co PP había alcaldes de barrio "dixitais" (elixidos a dedo), pero con eles, sinxelamente, non os hai, nin dixitais nin eletos.
u-las intervencións dos cidadáns nos Plenos? Non se volveu saber, nin parece que interese, non sexa que pregunten algunha inconvenienza.
u-los mecanismos de intervención da cidadanía nas decisións políticas? Os de sempre, cada 4 anos.
En resumo, que fácil é predicar, e que difícil parece ser dar trigo, Sr. Alcalde.
Ten vostede unha sorte inmensa, porque ten unha bula que non a dá nin o Papa de Roma: a D. Evencio perdóaselle todo, porque é tan boíño...
Eu perdoo tamén, pero non esquezo... E cada 4 anos non hai quen me quite a miña "participación cidadá".
Saúdos, e perdoade, pero logo de cear sóbeme o mal sangue...
20/11/08 03:14
Publicar un comentario
<< Home