Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, febrero 27, 2009

Blog dos bancos de tempo


Esta orixinal iniciativa xa protagonizou varios dos nosos posts no pasado. Hai máis dun ano o Concello de Carballo anunciaba a posta en marcha deste servizo, e xusto un ano despois era o de Santa Comba quen se sumaba á iniciativa e nos daba pé a nós para lembrar o inexplicado esquecemento dun proxecto que caera no famoso triángulo das Bermudas carballés.

Sen embargo, o banco de tempo local deu novas sinais de vida un pouco máis tarde cando o alcalde retomaba a idea a través dun convenio cunha asociación de mulleres. Paralelamente, outros concellos da zona teñen anunciado idénticas iniciativas, mais en ningún caso se teñen acadado ata o de hoxe resultados positivos por ningures. Pesan máis os inconvenientes de este sistema de intercambio de favores, tal e como xa adiantáramos, que os seus beneficios. O dilema entre utopía ou realidade estase a decantar pola primeira.

Onte liamos en Anosacosta que os bancos de tempo de Cee, Camariñas, Laxe, Cabana, Carballo, Vimianzo, Zas e Coristanco veñen de poñer en marcha un blog para dar a coñecer mellor os pormenores da súa actividade. E como tal, dámoslles a benvida ciberespacio e desexámoslles moita sorte. Hana precisar.



Etiquetas: ,


Seguir lendo...

viernes, noviembre 14, 2008

¿Qué foi de... o banco de tempo?



Novo capítulo da nosa serie de lembranzas que hoxe nos ven ó pelo pola nova que lemos en anosacosta.es. O Concello de Santa Comba promove a creación dun banco de tempo. ¿Banco de tempo? ¿Non falaramos nós diso antes? En efecto, e ademais, nun guiño do destino, resulta que foi exactamente hai un ano, o 14 de novembro de 2007.

Como podedes ler se pinchades o enlace, hai xusto un ano que o Concello de Carballo anunciaba co seu habitual triunfalismo a orixinal iniciativa. E xa daquela nós, que como ben nos lembran algúns dos nosos lectores, somos uns amargados que desconfiamos e non compartimos o desbordante optimismo doutros, reflexionabamos acerca do realista ou utópico da idea.

"A idea é crear unha sinerxia que nos permita a todos axudarnos a conciliar vida persoal e laboral, ademais de permitir o acceso a servizos de todo tipo de persoas. Ata aquí todo moi bonito, mais a realidade é que estes bancos de tempo, que xa levan a súa andaina nas grandes cidades, non acaban de botar a rolar e de darse a coñecer. ¿Os motivos? Parecen sinxelos. ¿Quén deixaría os seus fillos ó coidado dun descoñecido, simplemente porque un funcionario di que é unha persoa válida? ¿Quén comería un guiso cociñado non se sabe por quén, non se sabe ónde e non se sabe cómo? E por último, ¿cómo se controla a devolución do tempo ó banco? ¿Vaise multar con cartos? ¿Vaise ir ó banco pola vía de apremio? Se ledes a wikipedia veredes que esta idea provén de grupos anarquistas. Se cadra por iso semella tan utópico. Ou se cadra nunha vila máis pequena, onde moita xente aínda se coñece, pode ter posibilidades. Habémolo ver."

Pois ben, un ano despois xa o temos visto. ¿Voltouse a falar nalgunha outra ocasión deste banco? ¿Coñecedes a alguén que o teña empregado ou se teña beneficiado? Coidamos que non. Un caso máis da longa lista de naves extraviadas no triángulo das Bermudas carballés. E pedimos desculpas por tanta autocita, pero xa sabes que na capital de Bergantiños estamos afeitos a vivir no eterno retorno. Por outra banda tamén nos chama poderosamente a atención coma estas e moitas outras cuestións similares desaparecen da actualidade local cunha peculiaridade engadida: que nin medios de comunicación nin oposición recorden o asunto. Ó igual que lle pasaba a Julianne Moore co seu fillo en Misteriosa Obsesión (The Forgotten), é coma se alguén tivese borrado todo rastro da súa existencia da memoria colectiva.



Etiquetas:


Seguir lendo...

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner