Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

jueves, enero 08, 2009

Qué esperaban?


O voceiro da Plataforma da Lagoa, Ramón Varela, envíanos un resumo da reunión celebrada onte na Coruña co Delegado provincial de Vivenda, Xoán Carlos Bascuas (BNG) e (sorpresa) cos concelleiros carballeses Luís Lamas (BNG) e José Antonio Viña (PSOE) (cos quea Plataforma non solicitara reunirse, pois xa tivera antes dúas reunións co goberno municipal).

A nota de prensa califica a reunión de “franca, mais decepcionante”. ¿É que esperaban outra cousa?

Esta é a nota íntegra (en cor vermello, as nosas acotacións):

“O mércores, día 7/01/09, os membros da Plataforma foron recibidos polo Delegado Provincial da Coruña da Consellería de Vivenda e Solo, Sr. Bascuas, nunha longa reunión que se prolongou por espazo de catro horas, reunión que podemos calificar de franca mais decepcionante. Asistiron á reunión, alén dos sete membros da Plataforma, o técnico de Idom, Don Jesús Manuel Regueiro e os Concelleiros do Concello de Carballo, Don Luís Lamas e Don José Antonio Viña. [Que, por certo, non foran invitados á reunión] O Sr. Delegado, en comparsa cos concelleiros, pretendeu facer de flautista de Hamelin, mais con unha flauta desafinada, que, en vez de atraer as ratas, asustáas. Ten que vender un produto desvalorizado que ninguén quere, e ten que utilizar malabarismos dialécticos para conseguilo, sen convencer a ninguén.

Os membros da Plataforma presentáronse como propietarios individuais e representantes dos demais propietarios, aos que perciben como moi enfadados polo proceso de expropiación posto en marcha pola Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, previa proposta do Concello de Carballo, que sinalou o lugar de ubicación do Plano Sectorial, e, por tanto, a quen e onde había que expropiar [sen consultalo con ninguén e sen información pública, todo hai que decilo. Nembargantes, cando o alcalde fai algunha xestión, por pequena que sexa, vai co seu periodista de cabeceira, e enterámonos puntualmente, vía LDGE. Por qué o alcalde non informou tamén neste caso?]. A extensión de terreno ocupada polo Plano Sectorial sería... de 96.000 m2, e como os propietarios se calculan nuns 200, cada un deles ten unha media de terreno de menos de 500 m2. Estes pequenos propietarios, modestos na súa grande maioría, e que, en moitos casos non alcanzan os 400 euros de retribución salarial mensual, poden verse obrigados a subvencionar a adquisición de vivenda a persoas que poden chegar a cobrar 3.300 euros, ou sexa, unhas quince veces máis, extremo que parece a todas luces inxusto. Tamén se incide, por parte dos expropiandos, en que a Agra da Lagoa pode converterse nunha zona de aloxamento de persoas marxinais, como poden ser drogaditos, revivindo o caso de Penamoa, pois hai un número significativo de vivendas reservadas para este tipo de integración social. [¿Terá algo que ver o Plan de Vivenda cos rumores que circularon o verán pasado que apuntaban no realoxo en Carballo de chabolistas de Penamoa?]

Consideran os membros da Plataforma que a propiedade xa está sobrecastigada polas cargas urbanística de urbanización, cesión para sistemas xerais, reserva do 40 por cento para vivenda protexida, cesión gratuíta tamén do 10 por cento, que se incrementa no caso de Carballo polas cesións que tiveron que facer na franxa da beira do río, e agora as expropiacións para a Cidade Deportiva e para o Plano Sectorial Galego de Solo Residencial. Insisten unha e outra vez ante o Delegado en que as expropiacións non son a solución axeitada, e que se debía sondar previamente outras vías. Reitéranlle as propostas que lle foron transmitidas o Alcalde de Carballo na reunión do 18/12/08, que son as seguintes:

1ª.- Buscar outras alternativas

2ª.- Recorrer a propietarios voluntarios que oferten os terrenos.

3ª.- Que se edifique en terrenos municipais, posto que xa está previsto que no PXOM hai que reservar un 40 por cento para vivenda protexida.

4ª.- Que sexan os propietarios os que desenvolvan o Plano previsto para a zona no PXOM, constituíndose en Xunta de Compensación.

5ª.- Diseminar a urbanización por varios ámbitos, con obxecto de que non sexan uns poucos propietarios os que suporten todo o peso económico do Proxecto [ou sexa, perxudicar a outros. Mal vai a Pataforma se esa é a súa opción. Con propostas deste tipo, o que van conseguir é perder o apoio da xente que hoxe non é afectada pero mañán pode selo].

O Delegado responde que o que se propón no punto 4º non é o Plano Sectorial e que por lei teñen que ir á expropiación. Alega tamén que iso atrasaría moito os prazos, pois habería que pedir moitos informes: Medio Ambiente, Augas de Galicia, etc. etc., até 14 informes distintos, e que a Xunta cando lanza un Plano Sectorial xa dispón de todos eses informes. Parece dar a supoñer o Delegado que a expropiación é coser e cantar e que se fai en menos que canta un galo. Os propietarios retrucan que a Administración non veu dando, desde logo, mostras de celeridade precisamente nos Polígonos que asumiu voluntariamente desenvolver en Carballo, pois practicamente todos os que se comprometeu a desenvolver, como son o 17, 49, etc. quedaron abocados ao fracaso, mentres que moitos daqueles nos que os propietarios se constituíron en Xunta de Compensación foron adiante. O Delegado precisa que esa intervención por Xunta de Compensación pode deixar fóra ao 49 por cento dos propietarios. Mais esta apreciación non foi compartida polos propietarios pois nos Polígonos que se desenvolveron, practicamente todos se adheriron e os que ficaron fóra foi porque quixeron. Por outra parte, o Plano Sectorial non deixa fóra ao 49 por cento senón ao cen por cento [esto é tan evidente que parece mentira que o Delegado utilice argumentos tan falaces], pois o sentir dos propietarios é unánime en canto ao rexeitamento do Plano e das expropiacións previstas nel. O Delegado intenta suavizar as cousas afirmando que a ninguén se lle comunicara unha expropiación, mais fáiselle ver que ese é o mecanismo previsto no Plano. [Non é posible… ¿un político do BNG intentando enganar ós veciños?] Por outra parte, insisten unha e outra vez os afectados pola expropiación, en que a constitución en Xunta de Compensación é unha opción que se debía explorar e que eles se comprometían a desenvolver o Proxecto en tempo moi breve, aínda que non poden dar un prazo moi concreto porque tamén depende dos obstáculos que lle poña a Administración local e a colaboración que estea disposta a ofrecer a Autonómica. Ademais, eses informes preceptivos que di que fan falta non teñen porque tardar máis se os pide a Administración ou se o fan os interesados, sempre que exista vontade de colaboración.

A diseminación por outros ámbitos tampouco foi aceptada, porque saben que o seu produto non se vende en ningunha parte e que recibiría o mesmo rexeitamento, de aí a súa pretensión de impoñelo, expoliando uns terrenos que lle gustan. O Concelleiro, Sr. Lamas afirma que todas as medidas que propoñemos resúmense en non ao Plano Sectorial [¿é malo decir que non a algo que é prexudicial?], mais retrúcaselle que non se di non ao Plano Sectorial senón ao que se di non a este Plano Sectorial na Agra da Lagoa e nesas condicións.

O técnico de Idom recoñece que as infraestruturas previstas no Plano Sectorial están sobredimensionadas e os prezos dos terrenos infradimensionados. Os propietarios pregúntanlle que credibilidade merece ese Plano cando os mesmos que o propoñen teñen que recoñecer que o prezo fixado é moi elevado para os gastos de urbanización (uns nove millóns de euros) que os propietarios deben asumir, e moi baixo para os prezos que a Administración considera que debe abonar aos mesmos propietarios (Menos de cinco millóns de euros). Alén diso, faíselle ver a incongruencia que representa que el mesmo que asumiu e presentou eses prezos aos propietarios, nin sequera fose ver os terrenos.

No caso que nos ocupa, os propietarios terían que desenvolver unhas infraestruturas tan sobredimensionadas que faría que o que poderían recibir polos terrenos unha vez pagadas esas infraestruturas a conta deles, sería unha cantidade moi reducida. O Delegado afirma que a Xunta é quen pon o diñeiro da Urbanización, mais fáiselle a precisión de que a Xunta o fai cargándolle ese custo aos donos dos terrenos e, por conseguinte, a Xunta non pon diñeiro ningún. Quen carga con todo o pato, son os propietarios.

Intervén o Delegado para precisar que outra vía para incrementar os prezos é incrementar a vivenda libre [Esto demostra a inconsistencia do Plan de Vivenda que propón a Xunta: non saben o que queren. ¿Non quedamos en que o Plan tiña por obxecto facer vivenda protexida? Qué sentido ten facer máis vivendas libres en Carballo, coas que xa hai agora valeiras?], mais non chegou a precisar canto se podería incrementar esta partida. Os afectados consideran que non é lóxico que se lle ofrezan ao propietarios de Carballo 49 euros por m2 de terreno e aos de Ribeira, 78, por uns predios que son peores. O Sr. Viña recoñece que os de Carballo si son mellores, e que son uns terrenos que lle gustaron ao Equipo de Goberno municipal [se alguen andaba investigando quen fora o culpable do desaguisado, que non busque máis: o maiordomo delatouse]. A isto retrucan os propietarios, que iso tamén ten un prezo económico que habería que ter en conta.

A solución ofrecida por Don Jesús Manuel Regueiro, técnico de Idom, consiste en rebaixar os prezos da urbanización e o diñeiro aforrado por ese concepto destinalo a incrementar o prezo de venda dos terrenos, nunha cabriola que parece de acordeón, e que, segundo interese, se fai alargar ou encoller no sentido que interesa [o que volve a demostrar a trapallada que é todo o Plan de vivenda. ¿Así é como se fan as cousas nesta Xunta de sainete?]. Non parece moi seria esta solución, pois habería que preguntarse porque se fixou ese sobreprezo e que vai pasar agora: vaise facer peor a urbanización? Cales foron as razóns desa inflación dos prezos da urbanización? Por outra parte, a repercusión que pode ter nos propietarios é escasa, pois fálase de vinte a trinta euros por metro cadrado.

O Delegado asenta como irrenunciábel de que non poderemos desenvolver nós sós o citado Plano e que o farían eles exclusivamente ou en todo caso conxuntamente. Mais preguntóuselle en que consistiría ese desenvolvemento conxunto, e respondeu que a nosa participación sería negociar co Concello para ver como queda a nosa parcela, e, se for posíbel, mellorala, o cal parece ser unha burla, pois a participación de A (Administración) con B (propietarios), consistiría en que B negociase con C. Boa maneira de entener a participación.

Preguntóuselle se estaría disposto a aceptar que os propietarios tivesen un papel determinante ou, polo menos relevante nas decisións que concirnen ao desenvolvemento do Plano e dixo que non.

As medidas presentadas polo Delegado foron:

a) Permitir que queden nas vivendas os que residen nelas, medida que xa tiñan pensado tomar de todas maneiras.

b) Revisar o custo da urbanización e o prezo ofertado aos veciños. Esta promesa é insatisfactorias porque é unha promesa sen apoio ningún e porque non está cuantificada e pode quedar nunha cantidade irrisoria.

Condicionado a un acordo previo:
c) Incrementar a edificabilidade até o máximo permitido legalmente, que na actualidade é de 0,772 metros por metro cadrado de terreno e falaron que podía chegar ao 0,80.
d) Chegar a un acordo cando se faga o Proxecto de Urbanización. Mais o acordo para nós resumiríase en dicir amén ao que eles nos presentasen. A situación resumiuna un propietario dicindo que agora a xente ten que saber que gobernan os comunistas [vaia novidade: ¿e logo qué é a UPG? ¿socialdemócrata, poño por caso?].

Por último, intentamos sondar que posibilidades nos ofrecía a Administración, se decidísemos vender as nosas parcelas ante o atropelo que se nos vén acima. Dixéronnos que se presentabamos sete transacción de compra-venda realizadas nos tres últimos anos en Carballo en zonas similares, intentarían chegar á media do prezo de transacción tamén para estes terrenos.

A falta de oferta de alternativas serias por parte da Delegación obedece a que non ten capacidade de manobra, porque todo lle vén dado e ten que someterse ao guión que outros lle escriben. De aí o seu discurso ríxido e inflexible”.


(A Plataforma lémbranos que mañá venres, ás 12 horas, habrá unha concentración na Praza, diante do Concello, á que invitar a tódolos veciños de Carballo, "porque poden encontrarse nunha situación similar")



Etiquetas: ,

2 Comments:

Anonymous Anónimo said...

DEixo o mesmo post que deixei na web da plataforma,

HAI QUE DECILO TODO

16 vivendas de 600 para vivenda protexida, en fin, usar esto é moi triste.

Despois de falar con outros propietarios dos que estaban alí.

1. NON HAI VIVENDAS PARA MARXINADOS NIN PARA XITANOS NIN VIVENDAS QUE SE SUBASTEN PARA XENTE SIN RECURSOS, NON SON DESAS VIVENDAS, SENON QUE SERÁN PROMOTORES OS QUE VENDAN ESAS VIVENDAS DE PROMOCIÓN AUTONÓMICA, COMO CENTOS DAS QUE SE TEÑEN VENDIDAS EN CARBALLO.

2. OS PROPIETARIOS PODEN COLABORAR COMO PROMOTORES, PERO TEÑEN QUE PAGAR A SÚA PARTE DOS GASTOS DE URBANIZACIÓN.

3. AS VIVENDAS HABITADAS NON SE TOCAN, E SI HOUBERA QUE TOCAR ALGUNHA SERÍA ENTRE 450 E 600 EUROS.

E sae o Sr Puñal decindo esto, en fin, que digan toda a verdade e sobre todo non usen o medo dos XITANOS para o seus fins. Eso non é de persoas decentes, digan que lles parece pouco o que lles pagan, digan o que queiran, pero non usen esas cousas.

¿QUE VAN A DECIR ESTES CANDO SE SEPA QUE EFECTIVAMENTE OS DE PENAMOA NON VAN A VIR PARA CARBALLO?

¿MERCESE CARBALLO QUE ESTES METAN ESTE MEDO NA NOSA XENTE POLO SEU INTERÉS OU POR SACAR UN PUÑADO DE VOTOS?

Para min non vale todo.

9/1/09 08:31

 
Anonymous Anónimo said...

¿estes?¿quen son estes?¿por un puñado de votos para quen? Por favor, que non me entero de nada.

Sr. Anónimo, un pouquiño de sensibilidade e de veracidade:

1.- ¿os propietarios poden colaborar como promotores? NON, eso é FALSO, porque o sistema de expropiación do Plano sólo podería dar lugar a coadxuvantes ao mesmo, sempre que resultasen con dereitos edificatorios, e dubido que esistan demasiados supostos así nese ámbito.

2.- As vivendas habitadas NON SE TOCAN. ¿ONDE PON ISO? No Plano NON. Outra FALSIDADE. ¿E de onde saca vostede o prezo? DO PLANO NON. Outra FALSIDADE.

No dos xitanos non entro, eu tampouco o creo, pois non son vivendas sociais, senón, como vostede ben di, de promoción autonómica que venderán promotores privados a prezo taxado, e outras a prezo libre.

Por último, non creades xamáis a un político, e menos cando se xuntan varios. PAPELES FALAN, non palabras. Que se publiquen os compromisos no DOG, e así podereino crer.

Por outro lado, está claro que algúns dos propietarios o único que queren son máis cartos, como faríamos calquera de nós se nos veñen cun atropello inxustificable, de noite, ás agachadas, e polas costas.

11/1/09 22:02

 

Publicar un comentario

<< Home

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner