Ti podes ser o próximo expropiado
Falar de sorpresa é pouco. Xusto cando máis enconados estaban os ánimos e máis tensa estaba a corda entre o goberno local e a Plataforma da Lagoa, de pronto semella que temos fumata blanca, ¿ou non?
Nunha nota de prensa, a asociación dos veciños afectados polo Plan da nacionalista Consellería de Vivenda manifesta que cesa nas súas reivindicacións porque o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, ven de aceptar que os propietarios desenvolvan o seu ámbito se presentan o compromiso de que cando menos os donos do 51% do terreo así o farán. Este acordo aínda non está por escrito e convócase os membros da plataforma ó Pazo da Cultura este luns ás 20:00 h para precisar as condicións. Para rematar o comunicado, Ramón Varela Puñal, voceiro da protesta veciñal, reparte flores e agradecementos a todos os partidos e medios, de igual modo que manifesta o seu desexo de quedar agora fóra do debate público.
Unha vez repostos do "shock", hai unha longa lista de preguntas que quedan no aire: qué había de certo nas graves acusacións de favoritismo que lanzarou a Plataforma, como é posible un cambio tan radical de postura, de discurso e de formas en cuestión de horas, e cómo se explica que a plataforma acepte repentinamente unha proposta que non está por escrito (cando antes sempre reclamara ese formato), e que se ofrece en plena campaña electoral a dous días de que Anxo Quintana visite a localidade para dar o mitin do BNG. Está todo o mundo a xogar coas cartas boca arriba, ou trátase dun xogo de faroles, coma nas boas partidas de póker?
Pero sobre todo unha nova ameaza queda no aire, porque a proposta de Ferrero non consiste en renunciar o Plan de Vivenda, senón en cambiar o ámbito afectado, da Lagoa a outro lugar de Carballo que aínda está por definir. É dicir, que a Plataforma estaba no certo cando advertía "Ti podes ser o proximo expropiado": rífase unha expropiacion e todos os carballeses temos unha papeleta. ¿Qué apostan a que o resultado non sairá antes das eleccións?
Etiquetas: A Lagoa, Plan Sectorial Solo Residencial, Plataforma da Lagoa
Seguir lendo...










