Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

jueves, enero 08, 2009

Qué esperaban?


O voceiro da Plataforma da Lagoa, Ramón Varela, envíanos un resumo da reunión celebrada onte na Coruña co Delegado provincial de Vivenda, Xoán Carlos Bascuas (BNG) e (sorpresa) cos concelleiros carballeses Luís Lamas (BNG) e José Antonio Viña (PSOE) (cos quea Plataforma non solicitara reunirse, pois xa tivera antes dúas reunións co goberno municipal).

A nota de prensa califica a reunión de “franca, mais decepcionante”. ¿É que esperaban outra cousa?

Esta é a nota íntegra (en cor vermello, as nosas acotacións):

“O mércores, día 7/01/09, os membros da Plataforma foron recibidos polo Delegado Provincial da Coruña da Consellería de Vivenda e Solo, Sr. Bascuas, nunha longa reunión que se prolongou por espazo de catro horas, reunión que podemos calificar de franca mais decepcionante. Asistiron á reunión, alén dos sete membros da Plataforma, o técnico de Idom, Don Jesús Manuel Regueiro e os Concelleiros do Concello de Carballo, Don Luís Lamas e Don José Antonio Viña. [Que, por certo, non foran invitados á reunión] O Sr. Delegado, en comparsa cos concelleiros, pretendeu facer de flautista de Hamelin, mais con unha flauta desafinada, que, en vez de atraer as ratas, asustáas. Ten que vender un produto desvalorizado que ninguén quere, e ten que utilizar malabarismos dialécticos para conseguilo, sen convencer a ninguén.

Os membros da Plataforma presentáronse como propietarios individuais e representantes dos demais propietarios, aos que perciben como moi enfadados polo proceso de expropiación posto en marcha pola Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, previa proposta do Concello de Carballo, que sinalou o lugar de ubicación do Plano Sectorial, e, por tanto, a quen e onde había que expropiar [sen consultalo con ninguén e sen información pública, todo hai que decilo. Nembargantes, cando o alcalde fai algunha xestión, por pequena que sexa, vai co seu periodista de cabeceira, e enterámonos puntualmente, vía LDGE. Por qué o alcalde non informou tamén neste caso?]. A extensión de terreno ocupada polo Plano Sectorial sería... de 96.000 m2, e como os propietarios se calculan nuns 200, cada un deles ten unha media de terreno de menos de 500 m2. Estes pequenos propietarios, modestos na súa grande maioría, e que, en moitos casos non alcanzan os 400 euros de retribución salarial mensual, poden verse obrigados a subvencionar a adquisición de vivenda a persoas que poden chegar a cobrar 3.300 euros, ou sexa, unhas quince veces máis, extremo que parece a todas luces inxusto. Tamén se incide, por parte dos expropiandos, en que a Agra da Lagoa pode converterse nunha zona de aloxamento de persoas marxinais, como poden ser drogaditos, revivindo o caso de Penamoa, pois hai un número significativo de vivendas reservadas para este tipo de integración social. [¿Terá algo que ver o Plan de Vivenda cos rumores que circularon o verán pasado que apuntaban no realoxo en Carballo de chabolistas de Penamoa?]

Consideran os membros da Plataforma que a propiedade xa está sobrecastigada polas cargas urbanística de urbanización, cesión para sistemas xerais, reserva do 40 por cento para vivenda protexida, cesión gratuíta tamén do 10 por cento, que se incrementa no caso de Carballo polas cesións que tiveron que facer na franxa da beira do río, e agora as expropiacións para a Cidade Deportiva e para o Plano Sectorial Galego de Solo Residencial. Insisten unha e outra vez ante o Delegado en que as expropiacións non son a solución axeitada, e que se debía sondar previamente outras vías. Reitéranlle as propostas que lle foron transmitidas o Alcalde de Carballo na reunión do 18/12/08, que son as seguintes:

1ª.- Buscar outras alternativas

2ª.- Recorrer a propietarios voluntarios que oferten os terrenos.

3ª.- Que se edifique en terrenos municipais, posto que xa está previsto que no PXOM hai que reservar un 40 por cento para vivenda protexida.

4ª.- Que sexan os propietarios os que desenvolvan o Plano previsto para a zona no PXOM, constituíndose en Xunta de Compensación.

5ª.- Diseminar a urbanización por varios ámbitos, con obxecto de que non sexan uns poucos propietarios os que suporten todo o peso económico do Proxecto [ou sexa, perxudicar a outros. Mal vai a Pataforma se esa é a súa opción. Con propostas deste tipo, o que van conseguir é perder o apoio da xente que hoxe non é afectada pero mañán pode selo].

O Delegado responde que o que se propón no punto 4º non é o Plano Sectorial e que por lei teñen que ir á expropiación. Alega tamén que iso atrasaría moito os prazos, pois habería que pedir moitos informes: Medio Ambiente, Augas de Galicia, etc. etc., até 14 informes distintos, e que a Xunta cando lanza un Plano Sectorial xa dispón de todos eses informes. Parece dar a supoñer o Delegado que a expropiación é coser e cantar e que se fai en menos que canta un galo. Os propietarios retrucan que a Administración non veu dando, desde logo, mostras de celeridade precisamente nos Polígonos que asumiu voluntariamente desenvolver en Carballo, pois practicamente todos os que se comprometeu a desenvolver, como son o 17, 49, etc. quedaron abocados ao fracaso, mentres que moitos daqueles nos que os propietarios se constituíron en Xunta de Compensación foron adiante. O Delegado precisa que esa intervención por Xunta de Compensación pode deixar fóra ao 49 por cento dos propietarios. Mais esta apreciación non foi compartida polos propietarios pois nos Polígonos que se desenvolveron, practicamente todos se adheriron e os que ficaron fóra foi porque quixeron. Por outra parte, o Plano Sectorial non deixa fóra ao 49 por cento senón ao cen por cento [esto é tan evidente que parece mentira que o Delegado utilice argumentos tan falaces], pois o sentir dos propietarios é unánime en canto ao rexeitamento do Plano e das expropiacións previstas nel. O Delegado intenta suavizar as cousas afirmando que a ninguén se lle comunicara unha expropiación, mais fáiselle ver que ese é o mecanismo previsto no Plano. [Non é posible… ¿un político do BNG intentando enganar ós veciños?] Por outra parte, insisten unha e outra vez os afectados pola expropiación, en que a constitución en Xunta de Compensación é unha opción que se debía explorar e que eles se comprometían a desenvolver o Proxecto en tempo moi breve, aínda que non poden dar un prazo moi concreto porque tamén depende dos obstáculos que lle poña a Administración local e a colaboración que estea disposta a ofrecer a Autonómica. Ademais, eses informes preceptivos que di que fan falta non teñen porque tardar máis se os pide a Administración ou se o fan os interesados, sempre que exista vontade de colaboración.

A diseminación por outros ámbitos tampouco foi aceptada, porque saben que o seu produto non se vende en ningunha parte e que recibiría o mesmo rexeitamento, de aí a súa pretensión de impoñelo, expoliando uns terrenos que lle gustan. O Concelleiro, Sr. Lamas afirma que todas as medidas que propoñemos resúmense en non ao Plano Sectorial [¿é malo decir que non a algo que é prexudicial?], mais retrúcaselle que non se di non ao Plano Sectorial senón ao que se di non a este Plano Sectorial na Agra da Lagoa e nesas condicións.

O técnico de Idom recoñece que as infraestruturas previstas no Plano Sectorial están sobredimensionadas e os prezos dos terrenos infradimensionados. Os propietarios pregúntanlle que credibilidade merece ese Plano cando os mesmos que o propoñen teñen que recoñecer que o prezo fixado é moi elevado para os gastos de urbanización (uns nove millóns de euros) que os propietarios deben asumir, e moi baixo para os prezos que a Administración considera que debe abonar aos mesmos propietarios (Menos de cinco millóns de euros). Alén diso, faíselle ver a incongruencia que representa que el mesmo que asumiu e presentou eses prezos aos propietarios, nin sequera fose ver os terrenos.

No caso que nos ocupa, os propietarios terían que desenvolver unhas infraestruturas tan sobredimensionadas que faría que o que poderían recibir polos terrenos unha vez pagadas esas infraestruturas a conta deles, sería unha cantidade moi reducida. O Delegado afirma que a Xunta é quen pon o diñeiro da Urbanización, mais fáiselle a precisión de que a Xunta o fai cargándolle ese custo aos donos dos terrenos e, por conseguinte, a Xunta non pon diñeiro ningún. Quen carga con todo o pato, son os propietarios.

Intervén o Delegado para precisar que outra vía para incrementar os prezos é incrementar a vivenda libre [Esto demostra a inconsistencia do Plan de Vivenda que propón a Xunta: non saben o que queren. ¿Non quedamos en que o Plan tiña por obxecto facer vivenda protexida? Qué sentido ten facer máis vivendas libres en Carballo, coas que xa hai agora valeiras?], mais non chegou a precisar canto se podería incrementar esta partida. Os afectados consideran que non é lóxico que se lle ofrezan ao propietarios de Carballo 49 euros por m2 de terreno e aos de Ribeira, 78, por uns predios que son peores. O Sr. Viña recoñece que os de Carballo si son mellores, e que son uns terrenos que lle gustaron ao Equipo de Goberno municipal [se alguen andaba investigando quen fora o culpable do desaguisado, que non busque máis: o maiordomo delatouse]. A isto retrucan os propietarios, que iso tamén ten un prezo económico que habería que ter en conta.

A solución ofrecida por Don Jesús Manuel Regueiro, técnico de Idom, consiste en rebaixar os prezos da urbanización e o diñeiro aforrado por ese concepto destinalo a incrementar o prezo de venda dos terrenos, nunha cabriola que parece de acordeón, e que, segundo interese, se fai alargar ou encoller no sentido que interesa [o que volve a demostrar a trapallada que é todo o Plan de vivenda. ¿Así é como se fan as cousas nesta Xunta de sainete?]. Non parece moi seria esta solución, pois habería que preguntarse porque se fixou ese sobreprezo e que vai pasar agora: vaise facer peor a urbanización? Cales foron as razóns desa inflación dos prezos da urbanización? Por outra parte, a repercusión que pode ter nos propietarios é escasa, pois fálase de vinte a trinta euros por metro cadrado.

O Delegado asenta como irrenunciábel de que non poderemos desenvolver nós sós o citado Plano e que o farían eles exclusivamente ou en todo caso conxuntamente. Mais preguntóuselle en que consistiría ese desenvolvemento conxunto, e respondeu que a nosa participación sería negociar co Concello para ver como queda a nosa parcela, e, se for posíbel, mellorala, o cal parece ser unha burla, pois a participación de A (Administración) con B (propietarios), consistiría en que B negociase con C. Boa maneira de entener a participación.

Preguntóuselle se estaría disposto a aceptar que os propietarios tivesen un papel determinante ou, polo menos relevante nas decisións que concirnen ao desenvolvemento do Plano e dixo que non.

As medidas presentadas polo Delegado foron:

a) Permitir que queden nas vivendas os que residen nelas, medida que xa tiñan pensado tomar de todas maneiras.

b) Revisar o custo da urbanización e o prezo ofertado aos veciños. Esta promesa é insatisfactorias porque é unha promesa sen apoio ningún e porque non está cuantificada e pode quedar nunha cantidade irrisoria.

Condicionado a un acordo previo:
c) Incrementar a edificabilidade até o máximo permitido legalmente, que na actualidade é de 0,772 metros por metro cadrado de terreno e falaron que podía chegar ao 0,80.
d) Chegar a un acordo cando se faga o Proxecto de Urbanización. Mais o acordo para nós resumiríase en dicir amén ao que eles nos presentasen. A situación resumiuna un propietario dicindo que agora a xente ten que saber que gobernan os comunistas [vaia novidade: ¿e logo qué é a UPG? ¿socialdemócrata, poño por caso?].

Por último, intentamos sondar que posibilidades nos ofrecía a Administración, se decidísemos vender as nosas parcelas ante o atropelo que se nos vén acima. Dixéronnos que se presentabamos sete transacción de compra-venda realizadas nos tres últimos anos en Carballo en zonas similares, intentarían chegar á media do prezo de transacción tamén para estes terrenos.

A falta de oferta de alternativas serias por parte da Delegación obedece a que non ten capacidade de manobra, porque todo lle vén dado e ten que someterse ao guión que outros lle escriben. De aí o seu discurso ríxido e inflexible”.


(A Plataforma lémbranos que mañá venres, ás 12 horas, habrá unha concentración na Praza, diante do Concello, á que invitar a tódolos veciños de Carballo, "porque poden encontrarse nunha situación similar")



Etiquetas: ,


Seguir lendo...

martes, abril 01, 2008

Poboados de transición?


Andan revoleas as augas estes días tanto pola capital do norte de Galicia coma polo capital do sur, e non polas copiosas choivas que viñeron a aliviar a ameaza de seca, senón por motivos máis complexos nos que desgraciadamente en Carballo temos boa experiencia.

O hipotético, ou máis tentado e frustrado realoxo dos colectivos marxinais de Penamoa (A Coruña) e do Vao (Vigo), levantaron en armas ós que serían novos veciños das familias xitanas, creando esceas de tensión hai pouco tempo impensables, e convertindo o problema do racismo, a integración e as relacións con esta clase de comunidades, no primeiro asunto de debate na nosa terra.

Moito se ten dito, escoitado e manifestado sobre a problemática, máis poucas solucións concretas se teñen aportado, e máis ben estamos a asistir a un lamentable espectáculo onde as administacións públicas e políticos responsables pasan a pelota duns ós outros sen querer mollarse nun tema tan peliagudo. Non obstante, si que ten aparecido un político que ten colocado unha proposta enriba da mesa. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, suxería crear uns “poboados de transición”, vixiados pola policía, nos que estas persoas pasarían unha tempada como intermedio entre as súas chabolas actuais e as futuras vivendas de realoxo. Trátase dunha iniciativa que aínda non foi ben definida nin clarificada: cómo serían as vivendas do poboado de transición? De ónde sairían os policías precisos? Cómo reaccionarían os xitanos? Estamos a falar dun gueto? En todo caso, semella que, se cadra porque é unha forma de sair do embrollo, na Coruña van apostar pola idea do nacionalista.

E velaí temos o noso debate. Nunha vila coma a nosa, onde o problema dos asentamentos de colectivos marxinais é crónico, o escándalo dos supermercados da droga tan grande ou máis ca en Penamoa, e ademais o BNG ostenta tanto a alcaldía coma a concellería de Servizos Sociais… vaise aplicar o modelo dos “poboados de transición” de Quintana? Sería factible? Qué pensades vós?




Seguir lendo...

viernes, enero 16, 2009

Crónica dun pleno estelar



En CD levamos dende os inicios da nosa andaina informando na medida do posible sobre canto acontece nos plenos do Concello de Carballo. A aparición de BERTV e a súa iniciativa de retransmitir íntegramente estes actos ofreciunos ademais a posibilidade de ampliar a visión limitada e en ocasións mediatizada que proporcionaba a prensa local.

E dun tempo a esta parte, ese gran proxecto que é anosacosta.com ofrécenos unha cara máis de canto acontece no salón de plenos municipal con abundante material gráfico (como a foto que ilustra este post) e mesmo acceso a cortes de sonido. No caso de hoxe, ademais, estamos a falar do pleno máis importante, cando menos en canto a público e expectación, dos últimos anos en Carballo. Trátase do pleno extraordinario celebrado na tarde noite de onte a iniciativa do PP para tratar sobre o polémico Plan da Consellería de Vivenda para a Agra da Lagoa. Ante un público de máis de 200 persoas, na súa maioría propietarios afectados, que en ocasións interrumpiron a sesión con aplausos para a oposición e abucheos para o goberno, os grupos de BNG e PSOE impediron a iniciativa popular, secundada por Terra Galega, de rexeitar o controvertido plan.

Esta mañá, nos micrófonos de Radiovoz Bergantiños, algúns dos protagonistas facían repaso do acontecido. José Antonio Viña reiteraba os seus argumentos e recalcaba a falta de fundamento do rumor relativo a Penamoa. Pola súa banda Alberto Sueiro destacaba que as boas intencións do alcalde relativas ós prezos e ás vivendas afectadas son papel mollado porque non teñen constancia por escrito. Aínda o contrario, as alegacións presentadas polo goberno local van no sentido de aumentar máis o ámbito da expropiación.

Para os que queiran ver e oir o que se dixo no Pleno de onte, hoxe á noite será transmitido por BERTV, coma de cote. Así poderemos comprobar se o que pasou é o que reflicte a crónica rosa de La Voz Defensora de la Gestión Execelente ou o que relata anosacosta.com.



Etiquetas: , ,


Seguir lendo...

lunes, junio 30, 2008

Os da parte de atrás


www.Tu.tv


É un costume tristemente moi extendido. Moita xente adoita poñer ben bonita a fachada da súa casa, a parte que a maioría dos veciños poden ver. Límpana e gastan cartos en embelecer as fiestras, a pintura, o cierre… Namentres, a parte de atrás, a que menos se ve, acumula o lixo, a suciedade, e sufre o descuido dos propietarios.

Pois ben, nesta casa que se chama Galicia hai algúns que están na parte de diante e outros que semella que temos que conformarnos con estar na parte de atrás. Ben isto a colación de dúas noticias moi preocupantes que nos deixou esta fin de semana. En primeiro lugar, a Xunta de Galicia ben de facer públicos os seus criterios para a ordenación do noso territorio, criterio que no referente á nosa zona establece a prioridade de crear un grande eixo urbano entre A Coruña e Ferrol con toda clase de intervencións viarias (mesmo bulevares con carril-bici) e urbanísticas para crear unha grande metrópoli do noroeste, da que Carballo queda completamente excluido. Ante as queixas de Evencio Ferrero, o alcalde coruñés Losada xustificaba onte que a capital de Bergantiños e a súa zona contan para eles soamente coma zona de expansión industrial cara o oeste grazas ó empuxe do futuro porto exterior. Pero a área metropolitana, esa da que tanto se fala e que tanta inversión vai recibir, esa vai cara a Ferrol.

E en segundo lugar, moito máis grave aínda, o PP de Carballo facíase eco de varias noticias aparecidas no diario “Que!” a propósito do polémico desaloxo das familias chabolistas de Penamoa, nas que se afirma, literalmente:

20-06-08: “El Concello comprará un terreno en Carballo para realojar a varias familias. Algunas de las familias afectadas por los primeros derribos podrían ser realojadas en un terreno que el Ayuntamiento compraría a los chabolistas quienes recibirían una ayuda para construir unas nuevas viviendas”.

24-06-08: “En menos de un mes se derribarán las chabolas más cercanas a las obras de la Tercera Ronda pero antes el Ayuntamiento tendrá que acondicionar un terreno en Carballo para realojar a los propietarios de las mismas”.

Falando claro, repetición do pasado co envío de población marxinal, conflictiva e vinculada ó narcotráfico, dende A Coruña a Carballo. Por suposto que os responsables municipais da city herculina teñen negado calquera relación, pero o río leva tempo sonando logo de que tamén algúns veciños alertaran ó alcalde da Laracha, e coñecendo o percal e os antecedentes, moito nos tememos que algo de auga leve.

Así que xa ven, á hora de invertir e ordear o territorio, a uns tócanlles os bulevares, e a outros as industrias que os uns xa non queren. A uns tócanlles ós poblados marxinais e ós outros abrir rondas e librarse deles. A uns tócalles o lado bonito da vida, e a outros o menos bonito. Pese a tanta campaña de imaxe, este é o que Carballo significa para os que mandan en Galicia. Seguimos sendo os da parte de atrás.


Etiquetas: ,


Seguir lendo...

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner