Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, abril 21, 2006

Entrega dos premios do Padroado Fogar de Bergantiños



Hoxe terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Carballo (20:00 horas) a entrega dos galardóns ós elexidos como carballés, bergantiñán e galego do ano 2005.

Presidirán o acto a Conselleira de Cultura, o Presidente da Diputación, o Alcalde de Carballo e o Director da Obra Social de Caixa Galicia, ademáis do Presidente e do Secretario do Padroado organizador. Tamén están invitados o diputado no parlamento galego Alberto Sueiro e a Delegada Provincial de Cultura.

Os galardoados son:

Carballés: Juan Fernández Puga, Fran Gómez Pallas e Centro Social San Xoán Bautista (este último foi proposto por Carballo Dixital).
Bergantiñán: Pandereteiras de Raigañas
Galego: Carmen Avendaño e X. Neira Vilas.

Á entrada ó acto é libre. Ó final servirase un viño.

Este é o currículum dos galardoados que nos enviou o Padroado:…

CURRICULUM GALARDOADOS 2005


JUAN CARLOS FERNANDEZ PUGA (Carballés do Ano 2005)
Do carballés Juan Carlos Fernández Puga podemos empezar dicindo que leva a maior parte dos 36 anos que ten na actualidade, montado nunha moto, e sempre como un auténtico gañador, como o demostran a multitude de títulos acadados en distintas modalidades do motociclismo ao longo da súa carreira deportiva.
Así, en 1989, con tan só 18 anos, foi campión galego de motocross na categoría de 125 c.c., título que repetiría en 1990 en 250 c.c. Nesta mesma categoría logrou tamén os campionatos de 1992 e 1998, sendo subcampión en 1993 e 1999; en 1994 e 1995 quedou clasificado no 3º posto. E o pasado ano 2005 foi o campión galego sénior da motocross.
Juan Puga tamén foi laureado na modalidade de supercross, pois conseguiu o subcampionato galego no ano 2004, e quedou como 3º clasificado en tres tempadas: 1997, 2002 e 2005.
Pero se tódolos títulos anteriores xa demostran a valía e nivel deste piloto carballés, se cadra onde máis ten destacado Juan Fernández Puga é na especialidade de enduro. Foi campión de España en distintas categorías desta especialidade nos anos 2000, 2002 e 2003; campión galego en 1996, 1999, 2001e 2002; subcampión de España por autonomías en 1997 e 1998; subcampión galego en 1995 e 2000; 3º clasificado no campionato galego en 1992, 1994, 2000, 2003 e 2004. En 1996 participou nunha proba do campionato do mundo, quedando nun meritorio duodécimo lugar.
Na modalidade de tramos cronometrados de enduro, esta figura carballesa do motociclismo foi campión galego nas tempadas 1990, 1994, 1995, 1996, 1997, 1998, nesta última tanto ata 125 c.c. como en superior a 125 c.c.
En resume, pois tantos premios fanlle a un perder a conta, Juan Carlos Fernández Puga ten: 20 títulos de campión galego en varias modalidades; 3 títulos de campión de España de enduro; 5 subcampionatos galegos en varias modalidades; 2 subcampionatos de España de enduro; e 8 terceiros postos en varias modalidades de campionatos galegos.
Cun palmarés así, ao que lle hai que engadir as dificultades para conseguir exponsors (unha batalla ás veces máis difícil que a propia competición), non cabe dúbida de que se está concedendo o galardón de Carballés do Ano 2005 a un dos pilotos máis grandes do motociclismo galego, e, por suposto, de Carballo.

FRANCISCO GOMEZ PALLAS (Carballés do ano 2005)
Francisco Gómez Pallas aínda que naceu en Venezuela hai 37 anos froito da emigración, é fillo de carballeses, e reside desde pequeno na sosa Vila, polo que é un carballés máis.
Sempre foi un gran afeccionado aos deportes con certo risco e, sobre todo, aos de motor sobre dúas rodas.
Foi campión galego de motocross en 1985 con tan só 16 anos, e subcampión en varias edicións. Correu durante anos o campionato de España, clasificándose sempre entre os vinte primeiros. Formou parte do equipo galego nesta modalidade do motociclismo no trofeo das autonomías.
Co nome de Carballo ás costas, cruzou fronteiras máis aló dos Pirineos correndo o Enduro de L´touquet, na rexión francesa de Normandía en tres ocasións, a primeira en 1999. Esta proba está considerada como a máis dura do mundo do motocross sobre area, e na que compiten máis de mil pilotos de multitude de países. Fran Gómez acadaría o décimo sétimo posto entre máis de trescentas motos da súa categoría.
A carreira deportiva de Fran non está reducida só á motocross, senón que tamén ten practicado paracaidismo, dirt-track, ou submarinismo.Na actualidade vén competindo no campionato galego de motos acuáticas, acadando un subcampionato na modalidade de Jetsky.
Ademais de todo o xa mencionado, se cadra o que máis relevancia lle dou a esta figura do motociclismo carballés é a participación en catro edicións da proba deportiva máis dura do mundo, que non é outra que o Rally París-Dakar, concluíndo o seu percorrido na edición do ano 2000 e na pasada de 2006. Nesta última correu como piloto oficial do equipo Rabia Sport.
Os París-Dakar, non só constitúen un reto no deporte do motor, senón que tamén serviron para deixar unha pegada do espírito de superación, afabilidade e compañeirismo de Fran Gómez, sen esquecer que ao longo de miles de quilómetros levou sempre consigo o bo nome de Carballo. Hai que salientar tamén que nos seus percorridos polo continente Africano dedicou parte do seu tempo a labores humanitarias, deixando en diversos poboados roupas e outros materiais doados por veciños de Carballo.
Francisco Gómez Pallas e Juan Fernández Puga, que comparten galardón, son un positivo e claro expoñente do deporte do motociclismo en Carballo, que non pode caer no esquecemento.

CENTRO SOCIAL “SAN XOAN BAUTISTA” (Carballés do ano 2005)
O Centro Social San Xoán Bautista foi fundado no ano 1996 como unha Obra Social da Parroquia de Carballo. Pero ten as súas orixes na Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude, constituída en 1965, pola que pasaron una boa parte da mocidade da Vila carballesa. Foron os mesmos mozos que, daquela eran directivos do Fogar, os que xa adultos deron forma os Estatutos para converter o Fogar no Centro Social.
Coa creación do Centro Social cumpríase o obxectivo de ser un espacio aberto e interxeneracional, onde nenos, mozos, adultos e xubilados puidesen participar nas súas actividades. Ao mesmo tempo os seus locais son utilizados por todos aqueles colectivos carballeses que o precisan para o desenvolvemento das súas actividades.
Ademáis da intensa e variada laboura socio-cultural que de forma permanente oferta os carballeses, o Centro Social San Xoán Bautista é unha entidade con personalidade xurídica propia, integrado por 25 colectivos de Carballo, a maioría vinculados á Parroquia, é entidade colaboradora da Consellería de Sanidade e de Vicepresidencia, así como da Obra Social de Caixa Galicia.
Desde a súa fundación vén realizando de xeito continuo un intenso e variado programa de actividades:
1.- Como CENTRO DE DIA PARA A TERCEIRA IDADE e XUVENTUDE: Lugar de lecer, tempo libre, entretemento e convivencia. Cafetería “Punto de encontro”.
2.- Como PROMOTOR DE CULTURA E ANIMADOR DE ACTIVIDADES CULTURAIS e MUSICAIS: Aquí naceu o Instituto de Estudios Bergantiñáns.
Ten a EDITORIAL C.S.S.X.B., que sen dúbida é unha das tarefas máis importantes no eido cultural. Entre o catálogo de publicacións cabe salientar:
*Calendario-Axenda: 5000 exemplares cada ano para distribuír gratuitamente a tódolos fogares da Vila .
*”25 anos xuntos construindo Igrexa”. Libro conmemorativo da Parroquia de San Xoán Bautista de Carballo.
*”A Comarca de Bergantiños. Estudio demográfico entre os anos 1.887-1.996. Autor: Gelasio Nogueira Esmorís. Contou coa colaboración da Deputación Provincial de A Coruña.
*”Catecismo y oraciones”. Editáronse 5000 exemplares deste libriño que se entrega gratuitamente como material da catequese parroquial.
*.” Viaxe polo corazón de Bergantiños” Autor: D.- Xosé Pumar Gándara. Está preparado para levar a imprenta.
*A XANELA”. Boletín Informativo do Centro Social.
Outra iniciativa do Centro Social, xuntamente co Fogar da Xuventude é a entrega anual do título de “Avó de Carballo” aos que cumpren os 85 anos.
Tamén merece unha mención especial o CLUBE DE EXCURSIONS, que durante todo o ano axuda a coñecer Galicia con excursións guiadas aos Mosteiros, Santuarios e lugares importantes da nosa terra, con viaxes puntuais ao resto da Península e ao estranxeiro.
Pero nos últimos anos o Centro Social, sen abandonar os aspectos de lecer e cultura, está apostando firmemente pola formación para a inserción laboral, especialmente das persoas en risco de exclusión social e do numeroso colectivo de inmigrantes chegados á nosa bisbarra. Así os máis de 40 cursos realizados o ano pasado, financiados polo I Plan Galego de Inclusión Social, e coa colaboración do Concello e de Cáritas Interparroquial.
Preténdese constituír de xeito estable e permanente un CENTRO FORMATIVO PARA INSERCIÓN LABORAL, con destino a inmigrantes e a cantos están en risco de exclusión social.

CANTAREIRAS RAIGAÑAS (Bergantiñán do ano 2005)
O grupo de pandeireteiras Raigañas formouse 1994, no seo da escola de música e danza da Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños). Está formado por once pandeireteiras: Cristina Álvarez, Rosario Álvarez, Beatriz Caravel, Begoña Gómez, Sofía Vila, Noelia Novo, Mar Suárez, Susana Suárez, Susana Gómez, Laura Gómez e Anxos Verdes.
Dentro da música tradicional, Raigañas ten como obxectivo principal a recolleita e a conservación da música popular, máis en concreto do legado musical bergantiñán. Na súa xeografía de recolleita encóntranse os lugares de Brantuas e Limiñoa no concello de Ponteceso, Barizo, Cambre e Cerqueda do concello de Malpica de Bergantiños, Baldaio, Cances e Sísamo, en Carballo, Neaño de Cabana de Bergantiños e, por último, Erbecedo en Coristanco ou nas terras de Santa Comba.
Acturon en diversos festivais folclóricos e festas tradicionais, entre os que cabe subliñar:
Festa da Carballeira de Zas
Festa do Pan de Carballo
Festa das Letras Galegas do Couto, en Ponteceso
Festa da Braña de Soesto, en Laxe
Festival Folk A Tilla de Leiloio, Malpica
Festival Folk de Cerceda, Malpica
Festival Folk Rairiz da Veiga, en Ourense
Festival Folk de Vila de Cruces, Pontevedra
Festival Folk do Asalto ó Castelo de Vimianzo A Coruña
Mostra da Olería de Buño, Malpica
XIII Festival Folclórico «Águas do Neiva» (Barcelos. Portugal)
I Festival Internacional do Algarve (O Algarve. Portugal)
Participaron en programas da Televisión, como Galicia Enteira ou Luar, en numerosas ocasións.
Teñen acadado os seguintes premios:
1995. 1º Premio no Concurso Xacarandaina da Coruña
1996. 2º Premio no Concurso Xalgarete de Vigo.
1997. 2º Premio no Concurso Xacarandaina da Coruña.
1998. 1º Premio no Concurso Xalgarete de Vigo.
En 2004 publicaron o seu primeiro CD, con cancións recollidas nas comarcas de Bergantiños e Xallas, baixo o título de Baila que podes bailar, verso dunha cantiga tradicional da parroquia de orixe do grupo.
As últimas achegas á cultura galega do grupo de cantareiras Raigañas veñen marcadas pola súa participación na banda sonora da película Heroína, na que se retrata a vida da “nai coraxe”, Carmen Avendaño, fundadora da Asociación Antidroga Érguete. Así como, a intervención no último disco do grupo folc coruñés Luar na Lubre.

CARMEN AVENDAÑO (Galega do ano 2005)
Carmen Avendaño Otero naceu no barrio vigués de Lavadores o 21 de novembro de 1945. Muller emprendedora e activa, participou nas Asociacións de Pais de Alumnos da súa cidade e creou en 1975 a asociación de veciños de Lavadores, onde comezou a traballar na área de servicios sociais.
En 1984 creou e impulsou o movemento de axuda ao toxicómano e loita contra o narcotráfico, fundando a Asociación de axuda ao toxicómano “ERGUETE”, pioneira en Galicia, da que é hoxe en día tesoureira e portavoz.
A partir de 1995, desempeña o cargo de concelleira no Concello de Vigo e de deputada provincial polo PSOE en Pontevedra.
A súa loita contra a droga levouna a escribir artigos na prensa, intervir en programas de radio e televisión tanto nacionais coma estranxeiros (Portugal, Alemaña, Reino Unido), dar conferencias, colaborar en seminarios e en teses universitarias, e a berrar xunto con outras nais feridas ás portas do Pazo de Baión, propiedade do narcotraficante Laureano Oubiña.
Desde 1999 ocupa a presidencia da “Fundación Érguete Integración”, dedicada á inserción sociolaboral das persoas con dificultades de integración, en especial, dos toxicómanos, e na que se imparten cursos, tanto para profesionais dedicados ao ámbito das drogodependencias como a persoas en risco de exclusión social, promovéndose ata agora dous talleres de emprego.
Desde o ano 2.000 preside tamén a “Federación Galega de Asociacións de Axuda ó Drogodependente”.
Carmen Avendaño ten sido distinguida con innumerables recoñecementos e premios. Así, entre outros:
“Laurel” de Diario 16.
Perxonaxe do ano polo Correo Gallego (1990).
Premio de CCOO “Ó Traballo Social Realizado”.
Premio Reconquista “Cidade de Vigo” (Dúas veces).
Premio “XUSTIZA E SOCIEDADE” de Galicia, 1993.
Premio Nacional “Rosa Manzano”, ó traballo realizado como muller.
Premio de Mulleres Progresistas do PSOE de Galicia.
Proposta polos Gobernos Central e Autonómico para o premio “Principe de
Asturias” (Comunicación e Humanidades), 1993.
Premio á Solidariedade (Murcia), 1996
Proposta pola Universidade de Santiago de Compostela para o Premio “Príncipe
de Asturias (2001).
Premio “Muller Destacada” polo Servicio de Igualdade da Consellería de
Familia, Muller e Xuventude (2002).
Premio “Vieira de Plata 2004”. Madrid (2004)
Premio Érguete-Solidariedade 2004 á Solidariedade Persoal.
Premio “Mujer Más Vital” 2006 polos laboratorios Pfizer.
Toda esta vida de dedicación á loita contra a droga levou ao director Gerardo Herrero á realización da película “Heroína”, inspirada na súa vida, que foi estreada o ano pasado.

XOSE NEIRA VILAS (Galego do ano 2005)
Xoxé Neira Vilas naceu en Gres, no concello pontevedrés de Vila de Cruces en 1928.
Emigrou á Arxentina con 20 anos. En Buenos Aires tomou contacto cos exiliados da Guerra Civil, Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Ramón Suárez Pícallo, e outros.
En 1.953 cofundou as “Mocedades Galeguistas”, das que foi secretario xeral e redactor do periódico “Adiante”. Colaborou na prensa galega da Arxentina, Uruguai e México. Foi secretario da Comisión Organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega en América.
En 1.957 casou coa escritora cubana de ascendencia galega Anisia Miranda e xuntos fundaron, ese mesmo ano, “Follas Novas”, editorial galega e distribuidora do libro galego en América. En Buenos Aires publica o poemario “Dende lonxe” e a novela “Memorias dun neno labrego”, que se segue reeditando en Galicia, e é o libro máis vendido e traducido a outros idiomas da literatura galega de tódolos tempos.
En 1.961 Neira Vila e a súa muller marchan a Cuba, onde residen e traballan ata 1.992. Funda e dirixe a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística en 1969, fai xornalismo literario, traballa no Ministerio de Industria, e a finais dos anos oitenta traballa como redactor xefe da revista infantil “Zunzún”, cofundada por Anisia.
Desde que regresan a Galicia, residen na parroquia natal de Gres, e presiden a fundación “Xosé Neira Vilas”, que conta cunha biblioteca pública, un museo etnográfico, unha sala de exposicións e concertos, e convoca en anos alternos os concursos “Arume” e “Estornela”, de poesía e teatro para nenos.
Neira Vilas é membro numerario da Real Academia Galega, e Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana. Está en posesión, entre moitos outros galardóns, da Medalla Castelao, o Premio Trasalba, a Medalla Celanova Casa dos Poetas, o Pedrón de Honra, e Fillo Predilecto do Concello de Vila de Cruces.
Gran parte da súa obra, escrita toda en galego, é resultado das investigacións sobre a presencia da emigración galega no continente americano.
Dentro da súa profusa obra, tanto nos campos da narrativa para adultos e para nenos, a poesía, a investigación,..., ademais dos dous libros xa citados, pódense sinalar:
En narrativa: “Xente no Rodicio”, “Camiño bretemoso”, “Historias de Emigrantes”, “A muller de ferro”, “Querido Tomás”, “O home de pau”.
Para nenos: “Cartas a Lelo”, “O cabaliño de buxo”, “A marela taravela”, “Chegan forasteiros”.
Poesía: “Inquedo latexar”, “Poesía recadada”, “Cantarolas”, “Dende Gres”.
Libros de lembranzas como “Nai”, “Lar”, “Pan”.
“Guerrilleiros”, “Eduardo Blanco Amor dende Buenos Aires”, “Galegos que loitaron pola independencia de Cuba”.
No campo da investigación: “Castelao en Cuba”, “Rosalía de Castro e Cuba”, “A lingua galega en Cuba”, “Memoria da emigración I, II e III”, “Crónicas galegas de América”, “A cultura galega en Buenos Aires”.
Actualmente colabora na prensa galega, dicta conferencias, participa en congresos, e mantén unha columna semanal en El Correo Gallego, titulada “Arredor do mundo”.


Enlaces relacionados:

Fallados os premios do Padroado Fogar de Bergantiños

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner