Límite 48 horas
O novo curso político carballés comeza con forza. Porque esta mesma semana, e en menos de 48 horas (o xoves pola mañá) remata o prazo para a segunda intentona de adxudicar o tema máis polémico e comentado tanto en Carballo Dixital coma en tódalas páxinas e tertulias da localidade.
E como non podía ser doutra maneira, de novo o tema ven mal dado, porque non podemos evitar ter a permanente sensación de “deja vu” cando falamos do concurso do parking-centro comercial. Se na primeira fase o goberno de Evencio Ferrero falara de ata 6 empresas interesadas, e logo só se presentou unha “semi-empresa” no último minuto que non cumpría as condicións, desta volta, no procedemento negociado con publicidade, o goberno falou de dúas seguras empresas e varias máis probables. Pois ben, na prensa local de hoxe os nosos representantes poñen a venda antes que a ferida e avisan de que as empresas que antes estaban comprometidas, agora semellan estalo menos. De feito, a menos de dous días, aínda non se presentou ninguén.
Vista a emoción do asunto, os antecedentes, e o prazo que falta nós lembrámonos de “Límite 48 horas”, un thriller con toques de comedia de Walter Hill, protagonizado por Nick Nolte e Eddie Murphy que foi todo un éxito nos anos 80. Ademais, dase a circunstancia de que é unha “buddy movie”, outro aspecto que xa relatabamos no noso blog hai uns meses.
Así que de novo estaremos expectantes e atentos a canto poida suceder, e manterémolos informados de canto vai saíndo á luz. Non desboten nada, e nós, de ser vostedes, non descartaríamos outro “surtiserazo” de última hora… Mañá seguimos comentando.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home