Arte reivindicativo
"Porto de Razo" é o nome da última obra de arte que adorna as vías carballeses. Xa nun artigo anterior nos sorprendiamos da nova faceta artística do tenente de alcalde Manuel Andrade, e a cousa non tardou nada en materializarse.
E conste que nos primeiros momentos reinou un pouco a confusión. Porque a “estatua” foi colocada na rotonda da entrada de Carballo xusto antes do día das cachelas do San Xoán. E vendo a calidade e a imaxinación que nos últimos anos se está apoderar do concurso que organiza a comisión de festas, non faltou quen pensou que algúns gamberros escolleran a rotonda coma solar para colocar a súa.
Pero bromas aparte, “Porto de Razo” é o nome dunha lancha, chegada do porto de Malpica, que o Concello colocou na nova glorieta, segundo explicara Andrade porque esta é a porta da Costa da Morte, “e algo había que dicir”. Non só o di, senón que a faceta artística do concelleiro de obras tira cara ó arte denuncia-reivindicativo. Coma se dun cantautor se tratase, o artista utiliza a súa obra para reivindicacións políticas. A ver se na Xunta saben aprecialo.
Tamén nos chama a atención como a arte serve para definir e diferenciar ás persoas. Comparen o proceso creativo e o simbolismo do famoso peixe do Halley, coa improvisación e a sencillez conceptual da barca Porto de Razo. Un auténtico debate estético. ¿Qué pensade vós?
Seguir lendo...