
Vaia racha que leva o equipo de goberno de Carballo. Alguén non debiu tomar as uvas o 31 de decembro, porque se ata o de agora a lexislatura transcorrira con bastante placidez, a excepción dalgún "burato nas vallas" cos veciños da Milagrosa ou a policía local, este mes de xaneiro está a ser "horribilis". Por unha banda o conflicto da Lagoa non amaina, o escándalo do móvil de
Lourdes Rey viuse reforzado polas
insólitas xustificacións do
alcalde, o parque eólico de
Pedrarrubia segue adiante, e agora resulta que o meirande orgullo de Ferrero, a ampliación do polígono industrial de Bértoa, tamén ten problemas.
E decímolo así porque os empresarios de Carballo levantaron onte a voz contra os prezos que Xestur pide para poder acceder ás parcelas deste nova fase, uns prezos que coma esta mañá recoñecía Evencio Ferrero, teñen unha media de 80 euros por metro cadrado (pero o alcalde non dixo que
as parcelas máis baratas costarán 110,20 euros/m2, IVE incluido), o que supón 66.000 euros pola parcela máis pequena, e uns prezos que os empresarios consideran claramente excesivos e mesmo difíciles de explicar.
En efecto, o que chama a atención é que un polígono público, e que tivo un coste de expropiación moi baixo (7,5 euros por metro cadrado segundo recordaba
Juan Cancela), teña agora as parcelas máis caras que o polígono existente e veciño, que foi de promoción privada. Cómpre tamén recordar que un dos principais argumentos que se daban en favor da inversión de Xestur en Bértoa era precisamente que os polígonos públicos ofrecían teóricamente prezos máis baixos que os privados, sempre suxeitos ó "beneficio privado" e á "especulación".
Nos micrófonos de Radiovoz
o alcalde, que ademáis é membro do Consello de Administración de Xestur, xustificaba este prezo como consecuencia da alta "calidade" das obras, mentres que anunciaba que a Xunta tiña liñas de crédito que podían axudar ós empresarios. Pola súa banda
Andrade rexeitaba o modelo de xestión de Xestur, e
Sueiro propoñía que eses cartos de créditos se empregasen orixinalmente para subvencionar o custe da obra e que se crease un plan para que os polígonos da Costa da Morte tivesen uns prezos un 25% máis baixos que a media provincial.
Por certo que para rematar con máis polémicas
Andrade ataca de novo co Plan Xeral acusando ó goberno de oscurantismo, pero esa será outra historia.
Etiquetas: Polígono industrial
Seguir lendo...