Amizades perigosas

Supoñan a seguinte situación: unha vila do levante español (poñamos Valencia, Murcia ou Baleares) viviu nos últimos anos de borracheira urbanística unha orxía de construcción de pisos. Os promotores gañaban cartos a esgalla dun día para outro e o número de vivendas levantadas era a fachenda dun alcalde que nada fixo por diversificar o seu modelo productivo, ata que, cousas da globalización, a crise mundial agota o crédito, e a galiña dos ovos de ouro deixa de prestar os cartos que non temos para pagar os pisos es os coches que realmente non podiamos acadar. Resultado: centos de pisos baleiros, o paro polas nubes e unha crise de cabalo. Visto o panorama, o alcalde vislumbra unha solución: gastar un montón de cartos en pagarlles ós constructores locais con diñeiro público unha campaña publicitaria para axudarlles a vender eses pisos. ¿Imaxinan as reaccións? ¿Cantos informativos recollerían esta saída de pata de banco? ¿Cántas páxinas adicarían xornais de tirada nacional para denuncialo? Pois cambien Levante por Carballo, e verán que aquí existe un alcalde chamado Evencio Ferrero que goza de bula mediática, porque isto xustamente é o que esta pasada fin de semana anunciaba o goberno bipartito da nosa cidade.
Porque unha cousa é promover que matrimonios xóvenes veñan a vivir a Carballo (cousa que todos compartiríamos), outra cousa é gastar miles de euros dos cartos de todos en publicidade (xa comeza a ser opinable), e outra moi distinta é ofrecer unha rolda de prensa acompañado dos “señores do ladrillo” carballeses poñendoos coma unha pobres vítimas que precisan ser salvados polo Concello de Carballo a través dunha grande batería de máis de 500 cuñas, anuncios e “mupis” a distribuir fundamentalmente na Coruña. E todo isto sen entrar nas contradiccións clamorosas duns partidos políticos, o PSOE e mailo BNG, que ata ben pouco poñían ós seus adversarios do PP coma exemplo da “política do ladrillo”, e prometían un modelo diferente de “economía sostible” baseado na tecnoloxía e os servizos, ó tempo que levantaban toda clase de sospeitas sobre calquera intervención urbanística.
Pero é que a cousa non queda aí. Para poñerlle un pouco máis de sal e pementa á noticia, resulta que esta colaboración dos promotores carballeses con Evencio se produce mentres se está a elaborar unha revisión do Plan Xeral de Urbanismo que, lembremos, constitúe un alto segredo e permanece oculto para o vulgo. E para levantar definitivamente as alarmas dos máis suspicaces, resulta que un dos promotores colaboradores e que comparece ben sorrinte en rolda de prensa ó lado de Evencio e máis de Viña ven sendo nada máis e nada menos que José Bello Pallas, o ex concelleiro de urbanismo co PP, no seu día mil e unha veces vilipendiado polos nacionalistas, declarado tránsfuga, e que hai oito anos deixou en minoría ó anterior goberno de Manuel Varela propiciando a chegada ó poder do propio Evencio Ferrero. Lembremos que no trasfondo da fuga de Pallas estaba a elaboración do PXOM e o seu intento de incluir nel varios polémicos convenios. A partir de aquí pódese ser mellor ou peor pensado, pero o que en todo caso resulta incuestionable é que Ferrero ven de cometer un novo erro político de consecuencias incalculables. Porque nas cuestións do urbanismo hai que coidar moi ben as compañías, e hai amizades que poden resultar moi perigosas.
Etiquetas: Ladrillos construcción, tránsfugas, urbanismo
Seguir lendo...
