O deporte na picota
Varios días levan enzarzados alcalde e Partido Popular polo tema do deporte en Carballo. Todo parte dun dos habituais balances triunfais que Evencio adoita celebrar, fotografía e “gusta” (no BOE) mediante, en comparecencia de prensa. Presumía o líder nacionalista de que grazas á súa xestión o deporte carballés estaba mellor ca nunca, destacaba as inversións do seu goberno en infraestructuras, e sobre todo loubaba o grao de suficiencia do Patronato Municipal, que ven de acadar o millón de euros de presuposto, e dos cales afirmaba que se autofinancia máis da metade.
Respostaba o partido de Sueiro que as contas de Evencio non eran correctas, que a súa xestión veu marcada polo despilfarro, que as contas deron déficit do 2004 ó 2007, que o superavit do 2008 se debeu á aportación do Concello, e que o alcalde non estaba a contabilizar outros gastos coma o soldo do concelleiro, outro persoal, a xestión do circuito ou a amortización da piscina. Por outra banda, os populares poñían no punto de mira a polémica polas subvencións que Ferrero outorga a entidades deportivas sen pasar polo persoal técnico do Patronato. Para rematar, o PP comparaba negativamente a xestión de Carballo coa de concellos coma Arteixo, Oleiros ou Ribeira.
Inmediatamente respostaba de novo o alcalde este domingo reafirmando os seus argumentos, xustificando os seus criterios de contabilidade, considerando a Carballo está por enriba deses concellos, e acusando á oposición de querer falsear a realidade. E novamente hoxe voltan á carga os de Sueiro, quenes poñen o acento no despilfarro e os defectos das infraestructuras (piscina da zona escolar, circuito do motor, paneles solares da piscina da Carballo Calero ou o céspede das Eiroas), no feito de que teña que ser o alcalde o que dea explicacións e non o concelleiro (que cobra por adicación parcial), e reiteraban que Evencio estaba a enmascarar o gasto real do Patronato pasando parte dos gastos ás contas do Concello.
De toda esta discusión temos dúas reflexións. A primeira é que coñecer o gasto real en materia de deportes non debería ser tan difícil nin tan traumático; que se faga público o que custan todas as partidas, independentemente dos criterios de imputación deses costes. E segunda, o que máis inquietante nos resulta a nós (e cónstanos que a moitísima xente máis) é o asunto das subvencións deportivas. ¿Por qué non son os técnicos do Patronato quenes as valoran? ¿Non debería haber neste asunto criterios máis obxectivos e máis transparencia? Un tema complicado este do reparto do carto público, sobre todo polo medo que moitos dos afectados teñen medo a denunciar e quedar con menos.
Etiquetas: deporte, piscina, política local
Seguir lendo...




