Pillados e desesperados
A polémica en torno ás contratacións municipais, en particular as das instalacións da piscina da Vila de Noia, iniciárase hai xa máis dun mes, pero esta semana lonxe de amainar pasou por un punto álxido. A razón é ben sinxela, un informe dos técnicos do Concello recoñece varias das irregularidades que denunciara o PP, e que o goberno local negara. Unha circunstancia que agora obriga a repetir o procedecemento.
Abriron fogo os populares cunha rolda de prensa na que aseguraban que quedaba certificado que o goberno de Evencio e o seu “entorno” organizan concursos dirixidos a empresas concretas, ademais de recordar que algúns dos elementos colocados na piscina, eses mesmos que costaron tantos cartos do tristemente famoso plan E, aínda non funcionan ó 100%.
E onte o alcalde Ferrero e o seu fiel teniente Viña saían á contra para xustificar a súa xestión, considerar “normal” que se produzan este tipo de “erros”, e negar calquera intención oculta nas contratacións do seu goberno. Viña ademais recordou que o concelleiro popular Moncho Antelo foi un dos licitadores, e fixo un comentario non demasiado afortunado que remendou de inmediato: “ (Os contratos)… sempre están dirixidos a quen os gaña… pero non se coñece de antemán”. Tanto o socialista coma o nacionalista atribúen as acusacións dos populares a que están “desesperados” pola proximidade das eleccións.
Nós máis ben pensamos que a entrada en ano electoral está por fin a quentar os motores da política carballesa e que todo o mundo comeza a sentir o nerviosismo dunha reválida electoral que a un ano vista se presenta difícil de pronosticar. Por unha parte porque o BNG non aproveitou os anos de bonanza para cumplir as súas moitas promesas e elevadísimas expectativas que xenerara, por outra porque o PSOE continúa sen atopar o seu espazo propio máis alá dun mero colaborador/apandador dos nacionalistas, por outra porque o PP continúa sen espertar do seu habitual letargo opositor pese a contar co goberno de Santiago, por outra porque Andrade anda coma o Guadiana e un terceiro asalto semella moito a estas alturas da súa vida, e sobre todo porque o contexto económico e político nacional e internacional están tan convulsos que ninguén pode facer prediccións a máis alá dun mes. Calquera cousa pode pasar.
Etiquetas: contratación, piscina, política local
Seguir lendo...