Colea a rúa Desiderio Varela
Foto: Anosacosta.es
Por unha banda o asunto foi protagonista na recta final do pleno deste pasado luns, tal e como informa A Nosa Costa, cando o concelleiro popular Juan Carlos Castro realizou varias preguntas sobre este asunto ó alcalde. En concreto a oposición denunciou que despois da morte de Dolores Facal se realizaron melloras na seguridade da obra, sinal de que non estaba como debía, e pediu ó goberno que dera explicacións ó respecto. Esta intervención non gustou nada a Evencio, que considerou que a postura do PP non era “nin xusta nin ética”. Tanto Ferrero coma Viña afirman que as obras do FEIL (o famoso Plan Zapatero) contan cun coordinador de seguridade contratado polo Concello e que se cumpría coas normas. Por certo que esta discusión serviu para destapar outra sorprendente polémica: o goberno afirma que existe un “pacto de cabaleiros” para non presentar no pleno preguntas que non estivesen comunicadas antes por escrito, cousa que negan os de Sueiro. Dende logo se é así estamos ante unha especie de fraude á cidadanía; se os nosos políticos xogan con cartas marcadas ou acordan normas que non están no guión, cando menos debían advertírnolo ós cidadáns. Porque cando vemos un pleno sempre pensamos que realmente estamos ante un sistema de control democrático de verdade, e resulta que se cadra non é así.
E por outra banda, a prensa local desvela hoxe un dato que pon patas arriba a versión oficial e coloca nun brete tanto á empresa constructora coma ás autoridades que ata o de agora defendían o seu traballo: un testigo afirma que viu cómo Dolores caiu porque tropezou cunha malla que estaba tendida no espacio dos peatóns, e que inmediatamente despois da caída os empregados retiraron a malla reprochándose que estivese naquel lugar.
Pola nosa parte, nós non coñecemos as responsabilidades legais concretas deste asunto. Pero o que está clarísimo, á vista dos antecedentes e das testemuñas, é que as cousas se fixeron mal, e que iso tivo consecuencias. E mellor faría o señor alcalde en admitilo, afrontalo e investigalo, en lugar de cabrearse, porque os verdadeiramente cabreados somos os cidadáns cando vemos que se nos trata de parvos negando a evidencia.
Etiquetas: accidente, FEIL, obras
Seguir lendo...