Nova etapa en Carballo Dixital
Hai pouco cumpliamos 5 anos na rede, e coma todo aniversario de números redondos, foi o momento de replantexarnos o noso futuro. Teñen sido 5 anos de moito esforzo en silencio para ofrecer o que considerabamos un servizo esencial: un espazo para novas e opinións en liberdade sobre a actualidade de Carballo, un espazo libre de presións externas, onde os ricos e poderosos non puidesen exercer a súa influencia condicionando a información, un espazo onde dar a nosa opinión, particular, pero nin máis nin menos válida ca outras, e recoller as vosas a través dos vosos comentarios e colaboracións, un espazo no que as premuras económicas non se traducisen en chantaxes manipuladoras. E coidamos que, dentro do que cabe, témolo conseguido. Grazas a nós e grazas a vós.
Pero a vida é cambio, e tras moitas reflexións e moito diálogo con diversos axentes coidamos que chegou a nosa hora de cambiar. Tras 5 anos de traballo independente na sombra, chegou o momento de saír a luz. Carballo Dixital vai pasar de ser un blog afeccionado, anónimo e “outsider” a converterse nun medio profesional, aberto e convencional. Na nosa decisión teñen influido notablemente os moitos correos electrónicos cos que o goberno local de Carballo nos ten bombardeado, ó igual que a Deputación, Xunta, e diversas organizacións e personaxes destacadas da nosa comarca. A financiación do novo CD correrá a cargo da publicidade que algunhas empresas senlleiras, e sobre todo as administracións públicas, farán na nova web. E coma con eso é difícil sobrevivir, xa temos comprometida a asignación de varias subvencións, razón pola que, por certo, pasaremos a expresarnos exclusivamente en galego. Asumimos que este paso ha supoñer un cambio na nosa liña de actuación, e que inevitablemente a crítica ós nosos políticos terá que ser debidamente suavizada, e se cadra eliminada. Tamén asumimos que a maior parte dos nosos contidos deixarán de ser opinión e mesmo información, para converterse en publirreportaxes institucionais e bombo ó alcalde de turno. Pero todo sexa polo ben da información.
Entendemos que se cadra algún de vós prefería o vello estilo. Pero se é así, sempre vos quedará a opción de crear pola vosa conta un blog coma nós fixemos hai 5 anos. Sorte.
Etiquetas: medios
Seguir lendo...